 |
noticiasgalicia.- Consolidado
como plataforma para dar a coñecer o potencial do agro e
do mar galego a nivel internacional, abriu as portas esta
mañá en Expourense a decimoterceira edición de Xantar que
foi inaugurada pola Conselleira de Medio Rural e do Mar,
Rosa quintana, quen definiu a esta cita como "o escenario
perfecto para a promoción conxunta dos produtos do sector
primario que reflicte o potencial da gastronomía da nosa
comunidade".
A conselleira estivo acompañada, entre outras autoridades,
pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, quen
destacou a Xantar como "a gran cita da gastronomía
de España e Portugal que cada ano acada maior proxección
internacional". Neste acto participaron ademais o alcalde
de Ourense, Francisco Rodríguez, o presidente en funcións
da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luis Fernández,
e o presidente da Cámara Municipal de Horta, das Illas Azores
(convidado especial nesta edición), José Leonardo Goulart,
quen suliñou que "xantar é unha excelente oportunidade
para establecer relacións comerciais entre Galicia e As
Azores, sobre todo no sector primario".
Xantar abriu as portas dunha edición marcada pola promoción
do Camiño Mozárabe, do Entroido e das máis de 300 festas
gastronómicas celebradas en Galicia, en especial daquelas
consideradas de Interese Turístico. Hoxe deu comezo tamén
o VII Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde coa conferencia
do presidente da Fundación Española para a Nutrición, o
Dr. Gregorio Varela, quen defendeu a Dieta Atlántica como
saudable e funcional e que indicou que "Nunca hubo
tanto donde elegir, ni menos tiempo y capacidad para hacerlo.
Na sociedade de consumo actual hai unha oferta desmesurada
en produtos e servizos destinados a uns consumidores sen
capacidade de facer unha elección racional.
Sirva como exemplo que os nosos ancestros vivían entre un
cento de alimentos, e hoxe nun hipermercado atopamos maís
de 30.000 produtos. Ademais desta conferencia celebráronse
hoxe en Xantar varias exhicións de cociña en directo entre
as que destacou a impartida polo recoñecido como "Mellor
Mestre Reposteiro Artesán de España", Miguel Sierra,
quen falou dos almorzos cardiosaudables baseados en froitas
frescas coas que ademais elaborou un cestiño con bolas de
chocolate. Outros dos obradoiros de hoxe foron o de productos
ecolóxicos, a cargo co chef Flavio Morganti, o do grelo,
produto estrela desta edición, que correu a cargo de Domingo
González, e o obradoiro con produtos de Galicia Calidade
impartido por Iago Pazos e Marcos Cerqueiro do espazo gastronómico
Abastos 2.0. O aceite de Xaén, os viños de Galicia Calidade
e de Monterrei e os produtos das Azores foron os protagonistas
das catas comentadas de hoxe.
Esta xornada comezará cun acto de recoñecemento ós cociñeiros
galegos con Estrelas Michelín ou Soles Repsol. Arrincan
así 5 días nos que 133 expositores XANTAR contará con 133
expositores entre os que destacan os 18 restaurantes, o
61% dos cales son galegos, que ofrecen 30 menús con prezos
comprendidos entre os 12 e os 32 euros (24,7 euros de prezo
medio) baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade.
Polo que respecta a Galicia, os menús están adicados a Festas
gastronómicas de Interese Turístico como é o caso do San
Froilán de Lugo ou as festas como a lagosta de A Guarda,
o Entroido de Ourense, o Corpus de Ponteareas ou o Botelo
de O Barco de Valdeorras.
Non faltará o menú degustación a base de pataca ofrecido
polo INORDE. O resto de menús proceden de Parada de Sil
e Ría de Pontevedra - Bueu, que participan por primeira
vez, e de Terras de Celanova, Riós e Parque Natural Baixa
Limia Serra do Xurés. Unha das novidades desta edición
son os menús para celiacos ofrecidos polos restaurantes
do INORDE e da Baixa Limia e que contribúen á idea de que
gastronomía é saúde e de que Xantar é un salón aberto a
todos. No que se refire ás rexións turísticas portuguesas,
ademais das Azores, están presentes o Douro, Viana do Castelo
e a rexión de Lisboa e Vale do Tejo. As comunidades españolas
participantes serán aquelas atravesadas polo Camiño Mozárabe,
isto é, Andalucía, Estremadura e Castela e León.
|