 |
noticiasgalicia.- Xantar
pecha esta tarde as súas portas logo de cinco xornadas de
intensa actividade nas que os profesionais da gastronomía,
o turismo e a hostalería consideraron a esta cita como o
lugar idóneo para formarse e actualizarse.
A falta de contabilizar os últimos datos desta tarde, a
organización calcula que Xantar recibiu máis de 20.000 visitas,
17.000 das cales probaron algúns dos 30 menús ofrecidos
polos 18 restaurantes. As máis de 200 actividades do programa
máis completo ata o de agora, foron seguidas por máis de
6.000 participantes, na meirande profesionais do sector.
Este programa incluiu exhibicións de cociña en directo,
máis de 30, impartidas por algúns dos mellores cociñeiros
galegos e das rexións convidadas.
Outra das actividades que espertaron o interese dos profesionais
foron as máis de 25 catas comentadas catas comentadas de
produtos como o viño, o queixo, o mel, o aceite ou dos produtos
adscritos a Galicia Calidade. A estas actividades hai que
engadir as continuas degustacións ofrecidas polos expositores,
máis de 90 en total. Estas foron as actividades que rexistraron
maior participación entre os visitantes de Xantar que, ademais
de achegarse ata Expourense a comer ou cear, aproveitaron
para probar novos sabores e texturas, para aprender a preparar
distintos pratos ou para coñecer novas posibilidades culinarias
de produtos como o grelo ou as conservas de peixes e mariscos,
produtos ecolóxicos, razas autóctonas e das rexións convidadas.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
Jesús Vázquez, foi o encargado de presidir o acto de clausura
oficial desta 13ª edición de Xantar, que definiu como "unha
cita con gran retorno para Galicia, tanto por razóns de
imaxe e de promoción exterior, como polo interese entre
o público e os profesionais do sector".
O conselleiro tamén fixo referencia a que "nun momento
coma este de crise global e local, é preciso diferenciarnos
cun esforzo singular de cada un de nós. Debemos procurar
a máxima calidade e a suma de vontades cun obxectivo único:
axudarnos a medrar, a progresar e a dar a coñecer Galicia,
nacional e internacionalmente". Facendo referencia
a estas palabras do conselleiro, Xantar quixo agradecerlles
aos patrocinadores e colaboradores a súa fidelidade e compromiso
co salón xa que a pesar da situación actual, as empresas
e entidade habituais continuaron a apoiar esta cita. Cabe
destacar ademais o esforzó realizado polos 133 expositores
desta edición pola "posta en escea" dos seus produtos
e servizos, polo coidado do detalle e polas numerosas degustacións
e actividades que ofreceron ó público.
Día da cooperación transfronteiriza
Ademais do acto de clausura, hoxe celebrouse o día adicado
á cooperación transfronteiriza, e tamén a Viana do Castelo
e ó Concello de Castrelo de Miño. Entre as actividades do
día destacaron os show cooking sobre bacallao e as catas
de viños da rexión organizados por Viana do Castelo, e as
degustacións sobre produtos das festas gastronómicas galegas
como é o caso de Galo de Vila de Cruces. Tamén tiveron lugar
varias catas comentadas de augas de Galicia Calidade e de
licores e augardentes tradicionais de Galicia. Xantar converteuse
nesta edición nun dinamizador do turismo interno de Galicia.
A creación do paquete tren, unha das novidades, posiciona
a Ourense como destino de proximidade para gozar dunha xornada
ou dunha fin de semana atraendo a visitantes das cidades
de A Coruña e Santiago de Compostela que acoden no tren
AVANT. Máis de 320 persoas reservaron este paquete e visitaron
a cidade e Xantar durante esta fin de semana. Así remata
unha edición que cumpriu cos obxectivos e as expectativas
da organización e dos expositores. A vindeira cita de Expourense
terá lugar entre o 2 e o 4 de marzo, cando se celebre a
19ª edición da Mostra da Oportunidade.
|