Software de a bordo ourensán para
o picosatélite XaTcobeo
|
 |
noticiasgalicia.-A Universidade
de Vigo agarda con moita expectación o lanzamento o 13 de
febreiro do picosatélite XaTcobeo a bordo da lanzadeira europea
Vega dende a Güiana Francesa. Esta expectación é compartida
dun xeito moi especial desde a Escola Superior de Enxeñaría
Informática do campus de Ourense.
O seu Laboratorio de Informática Aplicada foi o encargado,
coa participación de seis estudantes do centro, de deseñar
e crear as chamadas capas altas do software deste CubeSat
1U. Co traballo xa rematado e "sen ningún fallo coñecido",
como lles gusta dicir por cautela técnica, estudantes e docentes
desexan canto antes mirar ao ceo coa satisfacción de saber
que eles, como parte dos 60 alumnos, 32 docentes e oito grupos
de investigación que participaron nesta iniciativa, tamén
puxeron o seu gran de area no primeiro satélite desenvolvido
en Galicia.
Segundo explica Arno Formella, responsable do software de
a bordo do Xatcobeo e coordinador da participación ourensá
no proxecto, a implicación da ESEI na creación do software
iniciouse en 2008 "cun papel en branco e sen experiencia
previa". Comezaron entón tres anos de traballo coa EE
de Telecomunicación e a EE Industrial da Universidade de Vigo
e de colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial
(INTA) do Ministerio de Defensa. Durante ese período traballaron
no desenvolvemento do software de a bordo do XaTcobeo, a través
dos seus proxecto de fin de carreira, os alumnos da Escola
Superior de Enxeñaría Informática Breogán López, Leonardo
Antelo Occhiuzzi, Mathias Domínguez, Adrián Romasanta, Leticia
Rocha e Aitor González.
A dificultade de cumprir os estándares
"O noso traballo consistiu en deseñar e desenvolver as
chamadas capas altas de software, concretamente o módulo de
almacenamento de datos, o planificador de tarefas do XaTcobeo,
a monitorización dos parámetros do sistema de alarma e a implementación
dos modus de operacións", explica Formella. Xunto ao
reto tecnolóxico que supoñía para os alumnos desenvolver este
software con supervisión docente, o investigador destaca a
complexidade do proxecto porque "sempre había cando menos
15 persoas traballando ao mesmo tempo, 15 persoas que se tiñan
que comunicar entre elas continuamente e desde diferentes
lugares". Para os estudantes participantes, destaca Breogán
López, especialmente difícil foi conseguir que o software
creado cumprira axeitadamente os estándares da Axencia Espacial
Europea (ESA), requisito imprescindible do proxecto. "En
realidade non fixemos algo moi complexo, porque os estándares
da axencia detallan a moito nivel e claramente o que hai que
facer. O complicado foi saber levalos á práctica, coller a
súa forma de traballar e cumprir con todos os requirimentos",
salienta.
A faciana educativa
Breogán López foi o encargado, a través do seu proxecto fin
de carreira, de desenvolver a parte de control, integración
e testing do software de a bordo do XaTcobeo. Antes de chegar
a esta fase final, o seu compañeiro Leonardo Antelo Occhiuzzi
encargouse da implementación da parte de datos e memoria;
Mathias Domínguez do simulador e inicio, e Adrián Romasanta
da parte de comunicacións. Os traballos previos ao desenvolvemento
do software de a bordo corresponderon a Aitor González, que
creou un simulador 3D para a representación orbital do satélite,
e a Leticia Rocha, que realizou o deseño e implementación
do software de procesamento de datos da estación terrea do
picosatélite. O seu traballo foi paulatinamente superando
todas as probas propias e de integración para comprobar o
seu funcionamento, realizando as adaptacións precisas ata
non ter ningún fallo coñecido e ter o visto bo da Axencia
Espacial Europea e da INTA. "Neste proceso é fundamental
recalcar a faciana educativa do XaTcobeo", destaca Formella.
A proposta do picosatélite da Universidade de Vigo naceu dunha
convocatoria da ESA para seleccionar un grupo de CubeSats
europeos que se incluirían sen custo no voo inaugural da lanzadeira
europea Vega. Nesta convocatoria, alén dos aspectos técnicos
e de financiamento, valorábase dos proxectos o seu carácter
educativo e a implicación do alumnado, que no caso da Universidade
de Vigo ascende a 60 estudantes, 32 docentes e oito grupos
de investigación, coordinados polo enxeñeiro Fernando Aguado.
"Un grande éxito xa deste proxecto é que reuniu e puxo
a traballar xuntos a estudantes con ideas, que durante o proceso
adquiriron coñecementos e que participaron nunha iniciativa
que lles axudará na carreira profesional que están comezando",
apunta Arno Formella. Todos eles, desde os seus lugares de
traballo unha vez que xa todos eles remataron a súa formación
universitaria, seguirán con especial ilusión e expectación
o lanzamento de Vega o día 13 de febreiro.
|
|
|
|