 |
noticiasgalicia.-
Manu Chao será o cabeza de cartel da décima edición do Festival
Reperkusión de Allariz, que este ano se celebrará por primeira
vez na primavera: os días 17, 18 e 19 de maio. O coñecido
artista franco-galego, autor de éxitos globais como Clandestino
ou Próxima estación: Esperanza, entre outros moitos, non
ten previsto actuar en ningún outro festival na Península,
polo que a de Allariz será unha oportunidade única para
gozar co seu enerxético directo.
O Reperkusión, que o ano pasado xuntou a máis de 15.000
persoas, chega á súa décima edición consolidado como unha
das citas imprescindibles do Noroeste da Península Ibérica
e celébrao cun cabeza de cartel de luxo que, ademais, representa
á perfección os valores de compromiso social e cosmopolitismo
creativo que defende o festival. Manu Chao La Ventura é
o proxecto co que Manu Chao chegará ao Reperkusión de Allariz,
onde ofrecerá non un, senón dous concertos, o xoves 17 e
o sábado 19, logo de actuar nos últimos meses en países
como Arxentina, Estados Unidos, Xapón ou Australia. É un
formato máis directo no que dá un novo xiro ás súas potentes
actuacións cheas de enerxía e ideas frescas. Recoñecido
polo seu compromiso social, o seu cosmopolitismo creativo
e a súa militancia na canción popular, está considerado
un dos músicos máis influentes das últimas décadas.
Manu Chao atopa a inspiración na cultura de rúa e nas escenas
locais de diferentes países. A súa música é multicultural
e multilingüística, mesturando rock, reggae, punk, ska,
sons encontrados e ritmos de todo o planeta, con letras
en inglés, portugúes, francés, español e italiano. Despois
do seu paso por Hot Pants e Los Carayos e de triunfar internacionalmente
con Mano Negra, en 1998 lanzou o seu primeiro disco en solitario,
Clandestino, co que conseguiu un éxito global. Tras el viñeron
outros éxitos como Próxima estación: Esperanza, Radio Bemba
Sound System, Sibérie M'Était Contée e La Radiolina. Nestes
anos, centos de milleiros de persoas en todo o mundo puideron
gozar co seu enérxico directo. Máis confirmacións Xunto
a Manu Chao, está xa confirmada a presenza no Reperkusión
2012 doutras catro bandas que garanten boa música e diversión.
Este ano repite no cartel Russkaja, despois de protagonizar
unha das actuacións máis aclamadas da pasada edición. O
grupo austríaco perpetra unha versión posmoderna das polcas
e outros ritmos rusos, mesturándoos de maneira explosiva
con rock, ska e heavy. De Francia chegan os Funky Style
Brass, unha fanfarria electrofunk nacida en 2006 á beira
do Garona e formada por nove músicos dotados de sentido
do humor, forza, talento, espírito festivo e un punto de
tolemia.
Tamén están confirmadas dúas formacións galegas. Os 3 Trebóns
é o proxecto que Xurxo Souto (acordeón e voz) comparte con
Antón Díaz (baixo, contrabaixo e voz) e Fran Amil (batería
e voz). Levan máis dun lustro levando polas verbenas e festivais
do país a súa música popular, situada entre o tradicional
e o punk. Por último estarán de novo no Reperkusión Festicultores
Troupe, a banda da casa, especialista en combinar nunha
mesma actuación música, humor, baile e desinhibición cerebral.
Logo de percorrer Galicia, Serbia, Polonia, Francia ou Portugal
e acompañar a Manu Chao no fin da xira europea de Radio
Bemba en Francia (Baiona), o ano pasado estrearon un novo
espectáculo: os Sadomusiquistas. En próximas datas darase
a coñecer o resto do cartel de concertos do Reperkusión.
Como nas edicións anteriores, Reperkusión 2012 será moito
máis que unha suma de concertos, xa que terá programación
de día e de noite con numerosas actividades abertas ao público:
exposicións, teatro de rúa, pasarrúas, djs, obradoiros,
mercadiños e o X encontro de malabares e artes do circo.
Entradas xa á venda
As entradas para o Reperkusión acaban de poñerse a venda
online a través da web www.reperkusion.com. Ata o 15 de
marzo, os abonos para os tres días de festival poden adquirirse
ao prezo de 40 ¤ máis gastos de distribución, e as entradas
para un día por 20 ¤ máis gastos de distribución. Os compradores
dos 3.000 primeiros abonos recibirán como agasallo no festival
un cd recompilatorio con temas dos grupos que participarán
nesta edición do Reperkusión.
Novas datas, novo recinto
Na súa décima edición, o Festival Reperkusión engade varias
novidades, aínda que mantén a súa filosofía e estrutura:
tres días e tres noites de festicultura, con música, circo,
arte, solidariedade e diversión en diferentes espazos da
vila de Allariz. O primeiro dos cambios importantes é o
da data: este ano celebrarase na primavera en lugar de facelo
ao final do verán. Será na fin de semana das Letras Galegas,
do 17 ao 19 de maio. Ademais Reperkusión estrea novo recinto
de concertos. A un quilómetro do centro de Allariz, o festival
contará cun espazo amplo co que aumenta a súa capacidade
para público. Este recinto estará permanentemente conectado
co resto de espazos de programación situados na vila mediante
un servizo gratuíto de autobús. O novo recinto de concertos
conta con aparcamento e zona de acampada situados á súa
beira. Á zona de acampada poderán acceder só as persoas
que merquen abono para todo o festival. Poderán reservar
o cámping para os tres días por 5 euros.
Dez edicións
O Reperkusión chega á súa décima edición consolidado como
un dos festivais máis importantes do Noroeste da Península
Ibérica. Ao longo destes anos pasaron polo festival en Allariz
artistas como 2Many Dj's, Emir Kusturica & TNSO, Los Delinqüentes,
PinkerTones, Macaco, Wagon Cookin, Muchchito Bombo Infierno,
Ojos deBrujo, Fanfare Ciocarlia, Eskorzo, Os Diplomáticos
de Montealto, Telephunken, Sargento García etc. Na pasada
edición xuntou máis de 15.000 persoas en tres días, nunha
edición que bateu a marca de asistencia apostando por traer
grupos de gran calidade aínda que fosen pouco coñecidos.
A intensa e participativa programación de día, cunha presencia
moi destacada do circo e os malabares, a integración co
contorno e a vila de Allariz, e unha selección musical na
que priman propostas novidosas e sempre divertidas, fan
do Reperkusión un festival diferente. O Festival Reperkusión
está organizado por Fankani Producións.
|