|
noticiasgalicia.- Verín, Xinzo
de Limia, Allariz e Cea son catro vilas ourensás que teñen en común
estar incluídas no itinerario do antigo Camiño Real. Por este motivo
son tamén as paradas da exposición O Camiño Real de Castela a Santiago
por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata, unha iniciativa
que quere dar a coñecer a realidade histórica de esta ruta precisamente
nos lugares que foron protagonista dela. A mostra, itinerante, é froito
do libro co mesmo nome da historiadora da Universidade de Vigo Yolanda
Barriocanal e chegará o vindeiro 2 de febreiro a Cea para rematar o
seu periplo por Ourense e dirixirse, como non podía ser de outro modo,
ao Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. A exposición,
organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a Consellería
de Educación e Cultura, está comisariada pola propia autora do libro
e recolle visualmente en 30 paneis a historia de esta infraestrutura
territorial que vertebrou Galicia no século XVIII e que ten as súas
orixes na época romana.
"A través das ilustracións e da cartografía expostas os visitantes
poden achegarse á realidade histórica da ruta, ao proceso histórico
da súa formación e á transformación e valoración da súa riqueza patrimonial
e natural", destaca Yolanda Barriocanal. Os mapas e planos manuscritos
seleccionados para a mostra e procedentes de diferentes arquivos e
bibliotecas, explica a historiadora, "permiten comprobar a densidade
dos camiños do século XVIII, identificar o trazado orixinal do Camiño
Real e amosar as razóns históricas que o fixeron posible".
Ademais de facer unha descrición física e histórica do itinerario,
Barriocanal fai fincapé en que na mostra intentaron reflectir "o
deficiente estado das vías de comunicación de esa época, unha precariedade
contra a que os pensadores e ilustrados galegos alzaron a súa voz por
ser causante do atraso económico de Galicia". Valorizar para ter
futuro Ademais da función divulgativa e informativa, a profesora da
Universidade de Vigo salienta a importancia de que con este libro,
publicado co apoio do Grupo Marcelo Macías, e con esta exposición queren
contribuír a poñer en valor o Camiño Real e fomentar a súa recuperación.
Actualmente, advirte, aínda que está enmarcado na denominación de Camiño
de Santiago co título de Ruta da Prata, está en fase de estudo para
a delimitación do seu trazado e das zonas de protección. A pesares
das grandes transformacións que sufriu a rede viaria interior desde
o século XVIII para servir ao transporte actual, a autora sinala a
importancia do recoñecemento de este camiño como parte dun territorio
histórico e a valoración dos seus elementos patrimoniais.
Despois de estar exposta na Casa do Escudo de Verín, na Casa da Cultura
de Xinzo de Limia e na Sala de Exposicións A Fábrica en Allariz, a
próxima parada da mostra será o Edificio Multiusos Municipal en San
Cristovo de Cea, onde será inaugurada o día 2 de febreiro ás 19.00
h e onde permanecerá ata o día 5 de marzo. A mostra, de entrada libre
e gratuíta, está tendo en todos os lugares polos que pasa unha excelente
acollida, motivo de especial satisfacción para a súa comisaria porque,
explica, "facer esta exposición é de algún xeito un modo de devolverlle
á sociedade os froitos dos estudos que realizamos". En este senso
salienta o enriquecemento que supón poder ofrecer ás persoas que actualmente
viven nas localidades polas que pasa o antigo trazado unha visión desde
fóra das súas raíces e historia.
|