 |
noticiasgalicia.-Manu
Chao congregou onte a preto de 5.000 persoas no primeiro
dos dous concertos que ofrecerá na décima edición do Festival
Reperkusión, que se está celebrando estes días na Cidade
dos Muchachos de Bemposta, en Ourense.
Os de Ourense serán os únicos concertos que Manu Chao ofrecerá
en España e o artista non defraudou as expectativas dun
público entregado que bailou durante preto de tres horas
coa súa particular mestura de rock, reggae, punk, ska, sons
encontrados e ritmos de todo o planeta.
Non faltou ningún dos grandes éxitos: Clandestino, Me gustas
tú, Bongo Bong, Rumba de Barcelona, Mala Vida e moitos outros.
Como tampouco faltaron as sorpresas. Introduciu o concerto
Tonhito de Poi, acompañado por algúns dos antigos muchachos
da Cidade dos Muchachos, e subíronse a botarlle un tema
con Manu Chao Joan Garriga, líder de La Troba Kung Fú, e
Chimango.
As persoas que non puideron asistir a este concerto imprescindible
teñen unha nova oportunidade este sábado, a redor da media
noite. A festa comeza moito antes, de mañá, e estenderase
ao longo de todo o día con diversas actividades musicais
e circenses en varios espazos de Bemposta. As actividades
de día son de acceso libre e gratuíto e as entradas para
a noite están á venda no despacho de billetes de Bemposta
a partir das 12h, por 50 ¤ o bono de tres días, 55 ¤ o bono
con cámping e 25 ¤ a entrada dun día.
|