 |
noticiasgalicia.-
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos,
Carmen Gallego Calvar, mantivo unha xuntanza de traballo co
presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG),
Antonio Fontenla, e o secretario xeral da Asociación Nacional
de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco-Cecopesca),
Juan Manuel Vieites. No encontro, celebrado en Santiago, analizouse,
entre outras cuestións, a situación actual do sector conserveiro
en Galicia, xa que recentemente presentouse a memoria correspondente
ao ano 2007.
Así mesmo, na reunión abordouse o desenvolvemento do Plan
estratéxico para o sector conserveiro en Galicia 2007-2013,
unha actuación que foi presentada o pasado verán en Vigo e
que suporá un investimento total de 300 millóns de euros para
esta actividade, dos que a metade corresponden a axudas públicas.
Neste eido, na xuntanza informouse de que xa está constituído,
a nivel das consellerías, o grupo que leva a cabo o seguimento
do Plan.
Por outra banda, calcúlase que o vindeiro verán terá lugar
a presentación do balance do primeiro ano do Plan a nivel
de investimentos das consellerías implicadas nesta iniciativa
nacida dunha das mesas do diálogo social froito do consenso
entre os sindicatos, a patronal e a Xunta de Galicia. Ademais,
o responsable de Anfaco-Cecopesca presentou un documento de
traballo sobre o Plan con algunhas das accións pormenorizadas,
que formará parte da avaliación e do seguimento que realizará
o Observatorio do Plan estratéxico. Nesta dirección, cabe
lembrar que esta iniciativa recolle a creación de dous instrumentos,
esenciais para o seu funcionamento: un Observatorio e unha
Comisión de coordinación e seguimento.
O primeiro deles é un organismo que se encargará do seguimento
e a verificación do estado do execución do plan, mentres que
o segundo encargarase de avaliar tanto a repercusión da implantación
do plan como os seus resultados, actualizando e reaxustando
as propostas e iniciativas de cara ao horizonte do ano 2013.
O sector conserveiro galego
|