noticiasgalicia.-
O Consello
da Xunta autorizou o compromiso de gasto plurianual da orde
pola se establecen as bases e se regula o proceso de concesión
das axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural
e divulgación nas comunidades pescadoras e o sector pesqueiro
no período 2008-2009. Así, a Consellería
de Pesca e Asuntos Marítimos destinará, con cargo aos orzamentos
da Comunidade Autónoma de Galicia, un total de un millón de
euros á devandita actuación, dos que 500.000 serán para o actual
exercicio e outra cantidade igual, para o ano que vén no caso
daquelas solicitudes cuxo prazo de execución supere o ano 2008.
Con estas subvencións quérese incentivar a realización, por
parte das entidades do sector, de actuacións participativas
de promoción sociocultural con finalidade formativa, turística,
ambiental, cultural, social ou de recuperación de valores e
tradicións para contribuír á dinamización das comunidades pescadoras.
Esta medida responde ao éxito da convocatoria de 2007, que confirmou
a importancia destas iniciativas para a diversificación das
rexións do noso litoral.
Deste xeito, as axudas permitirán financiar proxectos que teñan
como obxectivo formar pescadores, mulleres do mundo do mar ou
mozos en áreas de coñecemento relacionadas coa pesca e a súa
tecnoloxía; nas novas ferramentas de comunicación e da información
nos seus aspectos de aplicación á pesca e á navegación; ou na
diversificación económica das zonas dependentes da extracción
de recursos do mar. Pola contra, serán excluídas aquelas accións
formativas que oferte a Administración en calquera das súas
modalidades.
Tamén se poderán acoller ás axudas aquelas iniciativas orientadas
a restaurar e recuperar elementos do patrimonio marítimo, en
xeral, e da pesca, en particular, tanto mobiliario como inmobiliario,
así como a súa posta en uso. Así mesmo, estarán amparadas pola
orde as accións culturais e medioambientais vinculadas ao mar
que cumpran os requisitos esixidos.
Por outra banda, cabe sinalar que poderán acceder a estas subvencións
as confrarías de pescadores e as súas federacións; as organizacións
de produtores pesqueiros e as súas centrais sindicais; e as
agrupacións de acuicultores, mariscadores ou outros profesionais
do sector marítimo-pesqueiro e as súas federacións. Ademais,
poderán beneficiarse das axudas asociacións declaradas de utilidade
pública, fundacións e institucións sen ánimo de lucro que teñan
a súa sede en Galicia e realicen a súa actividade na nosa comunidade
sempre que desenvolvan o proxecto en colaboración ou coa participación
significativa de pescadores ou as súas organizacións, acreditada
documentalmente. Neste apartado, quedan descartadas as persoas
físicas, as empresas, as corporacións locais e as entidades
con fins docentes, tanto públicas como privadas.
Requisitos dos proxectos
As actividades que poden optar a estas axudas terán que ser
de nova creación ou segundas fases ou ampliacións das xa iniciadas.
Ademais, entre os requisitos esixidos atópase que no caso de
actuacións sobre inmobles, estas estarán ligadas a un uso posterior
destes dentro das finalidades do proxecto e que o ámbito territorial
de execución das accións non excederá o da nosa comunidade autónoma.
Así mesmo, estas subvencións non poderán destinarse á realización
de congresos, xornadas técnicas, reunións científicas ou similares;
actos conmemorativos ou festivos; actividades de promoción de
produtos e festas gastronómicas; iniciativas que teñan como
obxecto único a celebración ou produción de espectáculos; ou
proxectos editoriais.
Pola súa banda, o orzamento non debe ser inferior aos 15.000
euros nin superior aos 96.000 euros e o prazo de execución non
poderá superar o 30 de novembro de 2008. Neste punto, cabe sinalar
que aos 500.000 euros que, para este ano, achegará Pesca, ao
amparo da futura orde que se publicará no Diario Oficial de
Galicia (DOG), súmanse outros 450.000 euros que destina a Consellería
de acordo cunha orde tamén de promoción e divulgación sociocultural
do sector pesqueiro para o bienio 2007-2008.
En canto aos gastos subvencionables, poderán incluírse os investimentos
en inmobilizado, así como os de contratación de servizos ou
persoal, todos eles cando sexan necesarios para a execución
do proxecto. Tamén serán considerados gastos elixibles os de
funcionamento derivados da realización da actividade e os de
convocatorias e premios concedidos pola entidade ou de apoio
ao voluntariado.
Diversificación das zonas de pesca
Con esta medida, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos
quere promover a dinamización sociocultural das comunidades
pescadoras mediante programas de sustentabilidade aplicados
a diferentes aspectos da realidade social desta profesión (económicos,
sociais, ambientais, biolóxicos e culturais) para acadar unha
pesca responsable, así como para lograr unha maior consideración
social dos traballadores do mar e para incidir na súa formación
a través dunha participación activa.
A promoción do patrimonio sociocultural apóiase na realización
de proxectos de recuperación e divulgación, de formación, de
educación ambiental e outros que teñen como finalidade contribuír
a unha maior revitalización das comunidades do litoral. Ademais,
considérase que a participación nas iniciativas non debe limitarse
unicamente aos propios pescadores, senón que ten que abrirse
á sociedade en xeral, a través da participación de entidades
de tipo asociativo e da implicación das empresas mediante apoio
económico e institucional.
É por isto que, no epígrafe relativo á contía das axudas, inclúese
a figura do fondo de desafío como forma de ligar as empresas
co seu entorno, xa que os proxectos poderán ter un financiamento
adicional aos 96.000 euros máximos sempre e cando consigan contribucións
polo mesmo importe procedentes de compañías da zona que se impliquen
na realización da actuación. Aínda así, a concesión do fondo
de desafío non pode condicionar o desenvolvemento do proxecto
e será dedicada a actividades complementarias ás principais.
noticiasgalicia.-
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos,
Carmen Gallego Calvar, mantivo unha xuntanza de traballo co
presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG),
Antonio Fontenla, e o secretario xeral da Asociación Nacional
de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco-Cecopesca),
Juan Manuel Vieites. No encontro, celebrado en Santiago, analizouse,
entre outras cuestións, a situación actual do sector conserveiro
en Galicia, xa que recentemente presentouse a memoria correspondente
ao ano 2007.
Así mesmo, na reunión abordouse o desenvolvemento do Plan
estratéxico para o sector conserveiro en Galicia 2007-2013,
unha actuación que foi presentada o pasado verán en Vigo e
que suporá un investimento total de 300 millóns de euros para
esta actividade, dos que a metade corresponden a axudas públicas.
Neste eido, na xuntanza informouse de que xa está constituído,
a nivel das consellerías, o grupo que leva a cabo o seguimento
do Plan.
Por outra banda, calcúlase que o vindeiro verán terá lugar
a presentación do balance do primeiro ano do Plan a nivel
de investimentos das consellerías implicadas nesta iniciativa
nacida dunha das mesas do diálogo social froito do consenso
entre os sindicatos, a patronal e a Xunta de Galicia. Ademais,
o responsable de Anfaco-Cecopesca presentou un documento de
traballo sobre o Plan con algunhas das accións pormenorizadas,
que formará parte da avaliación e do seguimento que realizará
o Observatorio do Plan estratéxico. Nesta dirección, cabe
lembrar que esta iniciativa recolle a creación de dous instrumentos,
esenciais para o seu funcionamento: un Observatorio e unha
Comisión de coordinación e seguimento.
O primeiro deles é un organismo que se encargará do seguimento
e a verificación do estado do execución do plan, mentres que
o segundo encargarase de avaliar tanto a repercusión da implantación
do plan como os seus resultados, actualizando e reaxustando
as propostas e iniciativas de cara ao horizonte do ano 2013.
O sector conserveiro galego
|