noticiasgalicia.com |
A Consellería de Pesca achega 60.000 euros para a limpeza dos fondos mariños galegos

Esta actuación inclúese nos proxectos de promoción sociocultural que financia a Administración pesqueira galega cun orzamento superior ao millón de euros na convocatoria 2007-2008

noticiasgalicia.- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achega un total de 60.504 euros para o proxecto "Limpeza das Rías Galegas", unha iniciativa impulsada pola Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega) e que esta fin de semana desenvolve unha actividade na Ría de Ferrol. Con esta aportación, que se enmarca nas axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural, o departamento autonómico financia a limpeza dos fondos mariños de diferentes puntos da costa galega. De feito, o ano pasado xa se realizaron accións destas características na Ría de Corcubión e na de Camariñas e están previstas algunhas máis durante este exercicio.

Os obxectivos desta actividade son a limpeza das rías do litoral galego, xunto coa realización de charlas informativo-didácticas sobre materia ambiental e o desenvolvemento de xornadas informativas de prevención de riscos laborais no sector pesqueiro. Co apoio a este proxecto, a Consellería de Pesca avoga pola concienciación dos profesionais do mar e da poboación en xeral da importancia de conservar e rexenerar as nosas costas, así como da relevancia de seguir as normas de seguridade na profesión marítimo-pesqueira.

Así, se ben o destinatario principal do programa é o propio medio ambiente, este vai dirixido aos profesionais da pesca e o marisqueo de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, así como ao conxunto da poboación.

Plan de traballo

Para proceder á limpeza dos fondos mariños é preciso realizar previamente un recoñecemento dos mesmos co obxectivo de delimitar as zonas de maior acumulación de residuos sólidos, así como para valorar os medios que haberá que empregar. Na propia xornada de limpeza reúnese aos participantes no porto para acordar o método de actuación e repartir o material e os equipos de protección. Despois, unha vez que se accede á zona de limpeza, os mergulladores trincan os residuos con ganchos de ferro no fondo para, a continuación, enganchalos nos maquinillos ou nas grúas das embarcacións de apoio, que son as encargadas de subilos e transportalos ata o porto, onde se procede á súa separación e reciclaxe.

Ademais, como actividade complementaria, tanto nas xornadas xa desenvolvidas como a que ten lugar esta fin de semana na Ría de Ferrol, celébrase unha charla-coloquio para divulgar e promocionar o sector da pesca xunto coa necesidade de concienciar á toda a cidadanía sobre o coidado do entorno mariño.

Axudas de promoción sociocultural

O proxecto "Limpeza das Rías Galegas" estase desenvolvendo ao amparo da Orde do 6 de marzo de 2007 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o bienio 2007-2008, período para o que o departamento autonómico achega máis dun millón de euros. Ademais, o Consello da Xunta aprobou recentemente a convocatoria 2008-2009, para a que se disporá doutro millón de euros.

Esta medida convócase para incentivar a realización, por parte das entidades do sector e das comunidades pescadoras, de proxectos participativos de promoción sociocultural coa proxección suficiente para contribuír a dinamizar as rexións do noso litoral. Estas iniciativas teñen que ter finalidade formativa, turística, ambiental, cultural, social ou de recuperación de valores ou tradicións e poden ser promovidas, entre outros, por confrarías de pescadores e as súas federacións; organizacións de produtores pesqueiros; asociacións de mariscadores ou outros profesionais do sector; ou fundacións, agrupacións e institucións sen ánimo de lucro que realicen a súa actividade en Galicia.

A promoción destas axudas reside no feito de que a Consellería de Pesca entende que é necesario promover a dinamización das comunidades de pescadores mediante a interacción de accións e programas de sustentabilidade aplicados a diferentes aspectos da realidade social dos mariñeiros. O obxectivo último é acadar unha pesca responsable e asegurar un futuro de benestar económico, así como a dignidade social desta profesión.



©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad