noticiasgalicia.com |
Galicia conta con novos medios do Servizo de Gardacostas para o control e vixianza pesqueira

noticiasgalicia.- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presidiu o acto de presentación de oito novos vehículos e unha embarcación dos que disporá o Servizo de Gardacostas de Galicia para control e vixilancia pesqueira, así como para loitar contra a contaminación. O acto celebrouse na base da Unidade Operativa de Gardacostas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) e nel tamén participaron a alcaldesa do Concello, Dolores García, o subdirector xeral de Gardacostas, Pedro Siaba, e a delegada territorial de Pesca en Vigo, Ángeles Montero.

A embarcación é unha patrulleira adxudicada por concurso aberto, segundo unha Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 11 de abril de 2007, por un importe de 380.000 euros. Trátase dunha lancha ultramoderna dotada cos últimos adiantos en equipos de localización, seguridade e navegación, destacando o feito de que dispón de haladores mecánicos para izar artes e aparellos ilegais. Ademais, xa conta cunha tripulación axeitada para o seu manexo, de xeito que empezará a operar de forma inmediata.

A nova patrulleira de Gardacostas chámase "María de Pazos", nome dunha consignataria viguesa do século XV. De feito, está documentado que no ano 1480 chegou ao porto da cidade olívica, procedente de Francia, un barco do que era armadora esta muller. A base da embarcación estará en Ribeira e traballará na Ría de Arousa, así como na área de Corrubedo e Sálvora. Isto posibilitará que unha das lanchas que Gardacostas ten agora mesmo en Ribeira se traslade á base operativa de Portosín, o que permitirá reforzar a vixilancia nesta zona.

Esta patrulleira é unha embarcación cabinada de tipo desprazamento, con casco de compostos plásticos, motorización mediante dous motores interiores diésel mariños e con propulsores de tipo water-jet. Entre as características principais da lancha, cabe sinalar que ten 12,50 metros de eslora total; 3,84 metros de manga; 1,55 metros de puntal de casco; e unha capacidade máxima para 10 persoas. Así mesmo, acada unha velocidade de cruceiro de 22 nós e dispón dunha autonomía de 440 millas.

Vehículos todoterreo
No acto celebrado en Vilaxoán tamén se presentaron oito novos vehículos todoterreo que foron subministrados por concurso aberto e por un importe de 181.880 euros. Os coches, de tipo ³pick up², dispoñen dun motor baseado en tecnoloxía ³common rail² de terceira xeración e contan cunha zona de carga cunha superficie de dous metros cadrados, o que permite dispor de espacio suficiente para aloxar obxectos voluminosos. Así mesmo, as dimensións dos vehículos son 4,965 metros de lonxitude total; 1,9 metros de anchura; e 1,755 metros de altura. Para o subministro destas oito unidades a Consellería de Pesca publicou no Diario Oficial de Galicia unha resolución o pasado 2 de outubro pola que se anunciaba o concurso público, por procedemento aberto e trámite de urxencia, rematando o prazo de presentación de ofertas o día 8 de outubro.

No acto de recepción dos todoterreos, celebrado no mes de decembro, o Servizo de Gardacotas tamén fixo entrega de cinco coches usados (un todoterreo, dúas furgonetas e dous turismos), de xeito que a frota de vehículos deste departamento da Consellería de Pesca pasa a estar integrada por un total de 70 unidades. O Servizo de Gardacostas de Galicia tamén posúe medios marítimos, entre os que destacan os buques de apoio e itinerantes "Sebastián de Ocampo", "Irmáns García Nodal" e "IP700 Paio Gómez Chariño", así como dous helicópteros ( o Pesca 1, con base en Vigo, e o Pesca 2, con base en Celeiro). Ademais, conta con bases ubicadas ao longo do litoral galego e con persoal que, a maiores de desenvolver labores de salvamento e loita contra a contaminación, realiza habitualmente accións de control e inspección pesqueira.

©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad