noticiasgalicia.com |
Pesca achega 135.000 euros para o estudo da interacción entre os mamíferos mariños e a actividade extractiva

noticiasgalicia.- O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) en materia de divulgación sobre o medio mariño para o desenvolvemento do proxecto "Divulgando a pé de mar".

O obxectivo desta iniciativa, que será financiada con 135.000 euros por parte do departamento que dirixe Carmen Gallego, é a recollida de datos sobre a interacción dos mamíferos mariños coa pesca, así como a achega de información ao sector pesqueiro. Segundo o protocolo que se subscribirá en vindeiras datas, a achega feita pola Consellería de Pesca repartirase entre os tres próximos anos, correspondendo 40.000 euros ao actual exercicio; 45.000 euros á anualidade 2009; e 50.000 euros á de 2010.

De feito, a duración do convenio abrangue ata o 30 de decembro de 2010, sen posibilidade de prórroga. Con esta actuación preténdese difundir a importancia dos mamíferos mariños no ecosistema, á vez que recoller información sobre estes animais e a súa presenza en Galicia a través dunha serie de accións dirixidas aos pescadores.

A cooperación entre a Administración pesqueira galega e a CEMMA enmárcase no conxunto das medidas que desenvolve a Consellería para lograr a sustentabilidade da pesca na nosa comunidade autónoma. Entre elas destaca o apoio a aquelas iniciativas que inciden na mellora da conservación dos ecosistemas mariños, no maior coñecemento da situación ambiental do mar e na concienciación social sobre a súa conservación.

De feito, Pesca ten entre as súas competencias as relativas á innovación e investigación do medio mariño e as de divulgación sobre este entorno e a actividade extractiva. Nesta liña, cabe sinalar que os mamíferos mariños son especies que actúan como indicadores da saúde do mar e, polo tanto, calquera acción de estudo, divulgación e información sobre estes animais non só contriburá á súa conservación senón que redundará nun mellor coñecemento do noso mar e dos seus recursos pesqueiros.



©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad