 |
noticiasgalicia.-
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco
Álvarez; a conselleira de Pesca
e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar; e o presidente
da Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura (PTXGA) en
funcións, Enrique Corrales, presentaron en Santiago de Compostela
a nova Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura e a súa
Axenda Estratéxica de Investigación. Esta Plataforma nace
para ser un lugar de encontro entre o sector económico, a
investigación e as administracións no ámbito da acuicultura
e motor do desenvolvemento do sector, onde Galiza é líder
estatal e un dos principais produtores europeos.
A primeira Axenda Estratéxica de Investigación presentada
pola Plataforma do sector acuícola para os vindeiros anos
marca seis liñas principais de actuación no ámbito da I+D+i
que fan referencia á nutrición, a patoloxía, a xenética, o
medio ambiente, a seguridade alimentaria e o deseño das instalacións
de acuicultura. A finalidade destas distintas liñas céntrase
en mellorar os ratios de produtividade do sector investigando
para diminuír os riscos e aumentar o control das patoloxías.
Ademais, búscanse sistemas de xestión da produción máis automatizados
e sustentables, onde a calidade e a seguridade alimentaria
de cara ao consumidor sexa máxima e estea garantida.
Durante o acto de presentación, Fernando X. Blanco salientou
que no momento actual Galiza sitúase nunha posición de liderado
respecto ao conxunto do Estado, como así o avalan os seus
datos de volume de produción e nivel de emprego. Con 317.000
toneladas de produto xérase un volume de negocio que chega
aos 200 millóns de euros e máis de 5.000 empregos directos
en 100 empresas.
"Tendo unha posición tan salientable nestes intres, o
futuro do sector acuícola en Galiza debe aspirar a seguir
medrando e consolidándose. No actual contexto, a pesca extractiva
non pode satisfacer a crecente demanda de produtos do mar
e, en consecuencia, a acuicultura dispón dun espazo para crecer.
Nese senso, o labor da Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura
é un paso máis para poder aproveitar esa oportunidade"
, salientou o conselleiro de Innovación e Industria.
Pola súa banda, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, sinalou
que o crecemento da acuicultura está estreitamente vencellado
á investigación máis punteira e, por iso, a Consellería investiu
en 2007 máis de 1,6 millóns de euros nos diferentes proxectos
e liñas de investigación no eido da acuicultura mariña en
Galicia. Esto significa que se incrementaron nun 50 por cento
os fondos propios destinados a este tipo de investigación,
segundo manifestou a responsable da Administración pesqueira
galega.
Gallego tamén puxo en valor que na actualidade o seu departamento
ten vixentes 18 convenios de colaboración con outras entidades
de investigación e que a nosa comunidade autónoma liderou
o ano pasado o reparto dos fondos correspondentes aos plans
nacionais de acuicultura con unha partida próxima aos 750.000
euros. Ademais, a Conselleira de Pesca defendeu que o futuro
da acuicultura pasa polo desenvolvemento tecnolóxico, a diversificación
de especies e as prácticas sustentables, ao tempo que destacou
que o Plan Galego de Acuicultura aposta por que Galicia manteña
o liderato mundial na produción de peixes planos compatibilizándoo
co respecto ao medio ambiente.
A Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura é unha das
primeiras Plataformas financiadas desde a Consellaría de Innovación
e Industria, que achegou preto de 200.000 euros para a súa
creación e consolidación. Na actualidade conta con 26 entidades
participantes, que abarcan todo o espectro do sector, dende
as 3 universidades, o centro tecnolóxico e os centros de investigación
existentes, até as asociacións e o sector empresarial, do
que están presentes todas as empresas acuícolas de Galiza,
auténticas destinatarias desta estrutura de cooperación.
Os obxectivos xerais que persegue a Plataforma da Acuicultura
dende a súa creación son converterse nun foro multidisciplinar
no seu ámbito; fomentar e mellorar a relación industria /
investigación; crear consorcios de investigación para competir
mediante proxectos de interese estratéxico; contribuír a mellorar
a cooperación en investigación entre as nosas entidades así
como a nivel internacional; estimular o investimento tanto
público como privado do sector en I+D+I; achegar os investigadores
e investigadoras á industria acuícola para realizar traballos
aplicables na mesma; promover oportunidades laborais cualificadas
no sector, en especial, en postos relacionados coa I+D+; e
ser un medio para xerar recursos e propoñer modelos de negocio
sustentables.
|