noticiasgalicia.com |
O peixe e marisco fresco galegos teñen a súa marca distintiva

• Unha denominación específica baixo a que se enmarcan os produtos da pesca artesanal cun tempo de desembarco dende a captura non superior ás 24 horas, e cuns estándares de calidade mínimos

noticiasgalicia.- "PescadeRías" é unha marca de calidade para os produtos da pesca de baixura que impulsou a Consellería de Pesca para distinguir e diferencialos.

Baixo está denominación específica se atopan aqueles recursos que teñen a súa orixe na pesca artesanal cun tempo de desembarco dende a captura non superior ás 24 horas, e cuns estándares de calidade mínimos. Segundo o seu regulamento só poderán ampararse baixo a marca "PescadeRías, de onde se non?" aqueles recursos procedentes de pesca e marisqueo frescos ou preparados, extraídos en aguas da plataforma continental situada entre as liñas que marcan a desembocadura do río Miño e do Eo pola flota que sae e entra diariamente de porto, e que son capturados con artes selectivas.

Os grupos de especies amparados por esta marca van desde as algas, moluscos (bivalvos, cefalópodos ou gasterópodos), e crustáceos, ata os equinodermos e os peixes; quedando excluídos do regulamento os produtos da acuicultura e os da pesca procedentes de augas doces.

Pola súa parte, os posibles usuarios dos recursos certificados polo distintivo son as lonxas, os centros de depuración/expedición, as cetáreas de mariscos e os distribuidores de peixes e mariscos, que teñan as súas instalacións de manipulación ubicadas en territorio galego. As instalacións dos distintos usuarios deberán cumprir coas concesións, autorizacións, licenzas ou permisos que lles sexan de aplicación segundo as disposicións legais vixentes que regulan e afectan á súa actividade.

Ademais, os usuarios do distintivo garantizarán o cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria que se lles aplique, en especial aquela referida á adecuación das prácticas e comportamentos do persoal na manipulación dos produtos, das condicións ambientais de manipulación (temperatura, limpeza ou desinfección) e das instalacións e dos equipos empregados.

©Galicia en PáXinas S.L.
Todos los derechos reservados.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad