 |
noticiasgalicia.-
Froito da xuntanza que o pasado mes de xaneiro mantivo unha
delegación da Consellería de Pesca cos membros do Consello
de Ministros de Pesca dos países de Centroamérica, a Xunta
de Galicia colabora coa Organización do Sector Pesqueiro do
Istmo Centroamericano (Ospesca).
Todas as accións referentes á cooperación existente no ámbito
da capacitación no sector da pesca artesanal centroamericana
se recolleron nun Memorando de entendemento entre ambas institucións,
dando cumprida resposta ao Programa de Cooperación Regional
con estas rexións promovido pola Asociación Española de Cooperación
Internacional (AECI).
En concreto, e dentro do respaldo á pesca destes países, a
Xunta de Galicia é a responsable da execución da liña de capacitación,
que se materializa nun plan concreto de actuación denominado,
Programa de Formación para a Pesca Artesanal en Centroamérica
(2007-2009). Esta iniciativa está financiada pola Dirección
Xeral de Cooperación Exterior cun orzamento de 842.000 euros
e a Fundación Cetmar é a responsable da súa execución, coa
colaboración de Ospesca e coa asistencia técnica da Consellería
de Pesca e Asuntos Marítimos.
Este programa ten por obxectivo elevar os niveis de capacitación
e formación do sector pesqueiro artesanal centroamericano
como estratexia de apoio ao desenvolvemento económico, social
e ambiental sustentable da rexión. Así mesmo, de forma máis
específica pretende favorecer a coordinación institucional
no ámbito do sector pesqueiro artesanal, fortalecer a capacidade
de execución sustentable dos axentes que participan no sector,
impartir oferta formativa estruturada de capacitación dirixida
á pesca artesanal e apoiar os procesos de profesionalización
do sector produtivo.
Tamén, e dende a Consellería de Pesca vense apoiando xa ao
sector pesqueiro de Centroamérica coa elaboración dun rexistro
pesqueiro centroamericano. Esta axuda realízase a través dun
técnico do departamento que dirixe Carmen Gallego que está
a realizar labores previas de apoio ao desenvolvemento dun
Rexistro Pesqueiro nestes países e culminarase coa formación
en Galicia dun técnico centroamericano durante este ano 2008.
Esta iniciativa posta en marcha por Pesca conta cun investimento
de preto de 18.000 euros.
|