|
noticiasgalicia.-
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publica hoxe no
Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas ordes polas que se convocan
axudas destinadas a investimentos no eido da acuicultura,
por unha banda, e no ámbito da comercialización e transformación
de produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas, por outra.
Estas achegas son para o exercicio 2008 e a cuantía aproxímanse
aos 40 millóns de euros. Así, o DOG recolle a Orde do 20 de
febreiro de 2008 pola que se establece o prazo de presentación
de solicitudes de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura
para este ano e se particulariza o seu importe global máximo.
Segundo esta normativa, poderán beneficiarse destas subvencións,
que se aproximan aos 15 millóns de euros, aqueles proxectos
rematados e xustificados antes do 1 de novembro de 2008. Poderán
acceder a estas achegas as persoas físicas ou xurídicas titulares
de criadeiros ou granxas mariñas, establecementos de cultivos
mariños en zona marítima, parques de cultivo e establecementos
en augas continentais inscritos no rexistro de centros de
acuicultura, segundo a normativa vixente.
Estas entidades deberán realizar investimentos materiais nas
instalacións, quedando tamén incluídas as inversións realizadas
nos buques de servizos. Os establecementos deberán estar ubicados
na Comunidade Autónoma de Galicia e estarán en posesión das
preceptivas autorizacións ou permisos para levar a cabo os
investimentos previstos ou terán que ter tramitada a correspondente
solicitude.
Axudas á transformación e comercialización
O DOG tamén recolle hoxe a Orde pola que se modifican as bases
reguladoras para a concesión de axudas para a realización
de investimentos relativos á creación, renovación, modernización
e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación,
conservación, tratamento e comercialización de produtos pesqueiros,
marisqueiros e acuícolas. Así mesmo, esta normativa particulariza
o devandito procedemento para 2008, sendo o montante das achegas
de 25 millóns de euros.
Os investimentos debéran estar rematados e xustificados antes
do 30 de setembro de 2008, mentres que os beneficiarios das
subvencións poderán ser persoas físicas ou xurídicas titulares
de centros produtivos xa existentes situados en Galicia. Ademais,
poderán beneficiarse aquelas outras que establezan novas instalacións
na nosa comunidade adicadas á manipulación, transformación,
conservación e tratamento dos produtos da pesca, do marisqueo
e da acuicultura. En ámbolos casos deberán estar en posesión
das necesarias habilitacións administracións e os investimentos
deberán efectuarse dentro de Galicia.
Presentación de solicitudes
Tanto a orde que regula as achegas para proxectos de acuicultura
como a relativa a actuacións no eido da transformación e a
comercialización establecen un prazo de presentación de solicitudes
dun mes, contado a partires de mañá. Ademais, as dúas normativas
establecen que o importe máximo das subvencións (case 15 millóns
de euros para acuicultura e 25 millóns de euros para transformación
e comercialización) poderá ser ampliable en función das dispoñibilidades
orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo período
de entrega de solicitudes, salvo indicación expresa na orde
que se publique para o efecto.
A presentación da petición de subvención por parte dos interesados
comporta a autorización ao órgano xestor para pedir as certificacións
que acrediten que os solicitantes están ao día nas obrigas
tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente
de pagamento ningunha débeda coa Administracións pública galega.
Por outra banda, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos
publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas
ao abeiro das dúas ordes, á vez que recollerá na páxina web
oficial a relación de beneficiarios e as axudas concedidas,
polo que a presentación de solicitudes leva implícita a autorización
para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes.
|