|
noticiasgalicia.- Os votos
do BNG e PSOE sacaron adiante os orzamentos municipais para este ano
do Concello de Pontevedra, cifrado en 63 millóns de euros, co voto
en contra do grupo municipal do Partido Popular. Ata o último minuto
dun pleno que foi maratoniano, o Grupo do PP, a través do seu concelleiro
José Manuel Guillán, non deu a coñecer o seu voto contra aos orzamentos,
nos que se incorporaron dez emendas achegadas polos populares. Durante
o debate, o concelleiro de Facenda, Raimundo González, defendeu a saúde
económica do concello pontevedrés, e apostou por un proxecto acorde
cos tempos de crise, recordando os recortes nas transferencias do Estado
e a Xunta, e os topes de gasto público.
Raimundo González dirixiuse ao popular José Manuel Guillán para advertirlle
de que ''para facerse inmortal non fai falta ser eterno''; mentres
que o edil da oposición criticou proxectos aparcados, déficit orzamentario,
malgasto, e ausencia de economía produtiva na acción de goberno. Sobre
as emendas, das cales foron aceptadas dez, José Manuel Guillán, a quen
o seu compañeiro Jacobo Moreira recordoulle que non se esquecese delas,
censurou que non se aceptase a que versaba sobre servizo de inclusión
social. Esta situación foi cualificada polo concelleiro socialista
Agustín Fernández como unha ''escapada''. Así mesmo, reprochou aos
populares que se pediran dous plenos para, despois, ''escabullirse''.
''Falar con vostedes é como xogar ao frontón'', reprochoulles.
|