|
noticiasgalicia.-
A
Comisión de Infraestruturas acordou esta mañá agardar o informe técnico
que a Dirección Xeral de Urbanismo quedou de enviar ao Concello de
Pontevedra, nun prazo de quince días, sobre a reunión que mantiveron
o pasado vernes, 20 de xaneiro, os técnicos municipais do Concello
con responsables deste departamento da Xunta de Galicia, dependente
da Consellería de Infraestruturas. Segundo explicou o concelleiro de
Infraestruturas, César Mosquera durante a reunión pasouse a información
sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal relativa ás grandes cifras:
a posibilidade de construír 30.000 vivendas nos próximos 20 anos, tendo
en conta que 24.000 das vivendas xa están contemplados no actual PXOU
e, polo tanto, autorizadas e legais.
A pretensión real do Concello é incrementar a edificabilidade residencial
en 6.000 vivendas de cara aos próximos 20 anos. César Mosquera explicou
que a reacción da Xunta de Galicia á citada reunión expresouse mediante
un comunicado público no que se criticaba ao Concello de Pontevedra
por non cambiar o Plan logo do informe en contra emitido no ano 2010.
Para os técnicos municipais foi unha sorpresa que aparecese esta nota
porque non se corresponde co que alí se falou. Está claro que existe
unha determinación política contraria á aprobación do PXOM, contraria
ao acordo unánime da Comisión de Infraestruturas e ás determinacións
que leva o Plan”. O concelleiro de Infraestruturas lembrou que “quen
aproba o Plan é a Xunta de Galicia, e finalmente será o que a Xunta
diga. Nós, dende o Concello, seguiremos pondo máis esforzos, cartos
e tempo para conseguir aprobar o Plan. E ante as críticas que aseguran
que o Concello de Pontevedra non quere aprobar o Plan espetou que gobernante
pasa sete anos gastando cartos, enerxías e tempo para algo que non
quere? César Mosquera asegurou que esta situación é insostible. Se
a Xunta de Galicia ten competencias en materia de urbanismo e finalmente
vai ser quen aprobe o Plan, pois que as exerza, pero non podemos estar
a que os concellos propoñan e que eles o tumben todo. Ante todo, o
concelleiro de Infraestruturas quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade
á población de Pontevedra.
Os cidadáns teñen que ter claro que nos non imos sacar adiante un Plan
que recorte o actual, polo que agardo que aínda haxa unha ventá á esperanza.
De feito, César Mosquera apuntou que Pontevedra está sendo xestionada
urbanisticamente por un Plan Xeral do ano 1989 que é bo. As desfeitas
como a eliminación de toda a fronte litoral da cidade (A Moureira)
xa están todas feitas, así que Pontevedra non quedará mal. Explicou
que nós so pretendíamos mellorar o Plan e ampliar un pouco o que xa
temos, pero si a Xunta di que non, pois mala sorte. Seguiremos intentándoo,
pero se a Xunta di que non, quedaremos sen el.
|