|
noticiasgalicia.-
Segundo as estimacións da Deputación Provincial de Pontevedra, os 51
concellos que teñen delegada a súa recadación no ORAL van recadar este
ano 5.122.230 euros máis que en 2011 como consecuencia da suba do IBI.
Os ingresos globais destes concellos pasarán dos 41,5 millóns de euros
de 2011 aos 46,6 previstos para 2012.
No conxunto da provincia, esta cantidade superará os 13 millóns de
euros, dado que á cantidade antedita hai que sumarlle os 5,3 millóns
de euros a maiores que se estima que recadará o concello de Vigo, os
1,3 millóns de Pontevedra e o que poidan recadar os restantes 9 concellos
que non teñen delegada a recadación no ORAL e entre os que se encontran
Vilagarcía de Arousa (476.000 euros máis), O Grove (cun incremento
de 230.000 euros), A Guarda ou Marín. Na rolda de prensa posterior
á Xunta de Goberno, o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán,
salientou que hai que valorar este "importante esforzo que fan
os cidadáns para beneficio da administración máis próxima" e que
supón, na práctica, un esforzo para o ben común, dado que esta recadación
permitiralle aos concellos manter uns servizos de calidade.
REVISIÓN CATASTRAL
Neste sentido, Rafael Louzán quixo facer fincapé na necesidade de que
os concellos revisen o catastro, porque "hai algúns que levan
un cuarto de século" sen facer esta revisión e, en total, son
37 os concellos da provincia que levan máis dunha década sen facer
esta actualización das súas ponencias. Para facilitar esta actuación,
o presidente da Administración provincial fixo un chamamento a mellorar
o funcionamento do catastro, que considerou "que é un servizo
deficiente que ten que mellorar bastante". Unha das posibilidades
para impulsar esta mellora é a de que as deputacións asuman o papel
de "apoio e elemento de reforzo á labor que se fai desde Facenda²
nesta materia.
Recoñeceu que moitas persoas non van habitualmente a actualizar os
datos catastrais das súas propiedades porque é un trámite engorroso,
polo que apostou por "unha xestión do catastro en tempo, real
eficaz e eficiente", que non faga que os cidadáns teñan que perder
moito tempo e sen trámites complicados. Nesta liña ten avanzado xa
a Deputación de Pontevedra que, por medio de dous acordos con Facenda,
está a realizar xestión catastral. Estes convenios permiten que as
revisións que fai o ORAL sexan homologadas polo Catastro, sen necesidade
de que o cidadán acuda directamente a este organismo. Así, a Administración
provincial actúa realizando os trámites de cambio de titularidade de
bens inmobles e dando conta das alteracións catastrais fiscais ou económicas,
entre outras. Ademais, ten en marcha un Punto de Información Catastral
que ofrece servizos de Certificados catastrais e cartografía de todos
os concellos.
MODELO UNIFICADO Finalmente, incidiu en que "non é necesaria ningunha
suba máis de impostos"porque "os cidadáns están facendo xa
moitos esforzos nun campo moi delicado", polo que o que queda
é unificar servizos e taxas públicas para prestacións de características
idénticas, como é o servizo de recollida de lixo. Con este obxectivo,
anunciou que convocará a todos os alcaldes da provincia para analizar
esta situación e buscar posibles fórmulas para camiñar de cara a esa
unificación.
|