 |
noticiasgalicia.-Afondar
no aforro de custes por medio da mancomunidade de servizos é un dos
obxectivos que Ulla-Umia comparte coa Deputación Provincial e así quedou
de manifesto na xuntanza que hoxe mantiveron o presidente da Administración
provincial Rafael Louzán, e o responsable da Mancomunidade Ulla-Umia
e alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto.
Vázquez Souto expúxolle ao presidente da Deputación a intención dos
concellos da Mancomunidade de sumarse á proposta xa expresada en varias
ocasións por Rafael Louzán para avanzar na unificación do servizo de
recollida do lixo, que a día de hoxe está a custarlle anualmente aos
concellos do Ulla-Umia máis de un millón de euros.
O alcalde de Portas entregoulle a Louzán os estudos realizados pola
mancomunidade con este obxectivo e segundo os cales os concellos da
comarca poderían aforrar, cando menos, o 20% do custe do servizo se
deciden unirse para realizar a xestión . Neste sentido, indicou que
dos 9 camións que actualmente traballan nestes concellos, só serían
precisos 5 para prestar idéntico servizo, co que iso significa de redución
do gasto. Así mesmo, tamén se reduciría persoal, que se destinaría
a outras labores nos concellos. Outra das liñas nas que están traballando
e que tamén lle expuxo ao presidente provincial é a de negociar con
Sogama unha diminución das taxas que teñen que pagar pola recollida.
ACORDO A NIVEL PROVINCIAL
Louzán valorou o esforzo que está a realizar a Mancomunidade Ulla-Umia
para avanzar nunha xestión máis eficaz e, sobre todo, para servir de
elemento de apoio aos concellos que a conforman e avanzoulle que proximamente
convocará unha xuntanza con todos os alcaldes da provincia para tratar
de valorar as posibilidades de que a unificación do servizo de recollida
de lixo abarque toda a provincia. Neste sentido, o presidente da Mancomunidade
asegurou que se se acada este acordo a nivel provincial e os resultados
son un maior aforro para os concellos, a Mancomunidade uniríase a él
porque, segundo asegurou, do que se trata e de afrontar un problema
serio para as arcas municipais como é o da necesidade de prestar un
servizo que resulta básico e que está a resultar moi gravoso para os
concellos.
NECESIDADE DE UNIFICACIÓN
A proposta na que está a traballar a Mancomunidade Ulla-Umia segue
a liña da exposta nas últimas semanas polo presidente provincial, incidindo
na necesidade de unificar taxas e servizos entre os concellos da provincia
con dous obxectivos básicos: en primeiro lugar, gañar en eficiencia,
eficacia e aforro de custes e, en segundo, lograr unha maior equidade
entre o que os cidadáns pagan por un mesmo servizo. No caso da recollida
de lixo, Rafael Louzán salienta a disparidade existente nas taxas que
os concellos cobran aos seus veciños e veciñas son abismais e non se
corresponden con diferenzas reais no custe do servizo, que en todos
os casos segue sendo deficitario.
Isto podería corrixirse sen necesidade dunha suba xeralizada de tarifas,
senón, precisamente e tal e como proporá o presidente provincial aos
alcaldes, apostando por unha xestión unificada que permita abaratar
tanto os gastos en recursos materiais e humanos como as taxas que se
lle pagan á empresa encargada da xestión dos residuos. Neste sentido,
os estudos realizados ata o de agora pola Deputación Provincial sosteñen
que a xestión conxunta do servizo permitiría reducir nun 50% os vehículos
destinados a este fin e noutro tanto o persoal (que podería desenvolver
outras funcións nos concellos e, en consecuencia, dar a posibilidade
de que ese municipio incremento ou mellore os seus servizos noutros
eidos). Así mesmo, ao existir un único interlocutor e non 62, facilitaríase
a relación e a negociación coa empresa xestora dos residuos (Sogama)
e a posibilidade de abaratar a tarifa que actualmente cobra esta empresa
por cada tonelada de lixo que lle chega.
COBERTURA DO SERVIZO DE BOMBEIROS
Outro dos asuntos abordados polo responsable da Mancomunidade Ulla-Umia
co presidente Louzán foi a cobertura do servizo de bombeiros na comarca.
Louzán explicoulle que a Deputación reforzará a cobertura da zona non
dende a construcción dun novo parque de bombeiros _que non permite
a actual conxuntura económica_ senón reforzando a dotación de personal
e medios do parque de Vilagarcía, de xeito que se incrementará o número
de bombeiros e de vehículos con destino de atención específica a esta
comarca de Ulla-Umia na que residen en torno ás 30.000 personas.
|