|
noticiasgalicia.-
O colexio de Calo foi o primeiro en recibir ás persoas da
A. C. A Regionalista para que estiveran cos máis pequenos/as
e lles explicaran, contaran, cantaran e ensinaran moitos
datos sobre o tempo do entroido e a súa tradición, na comarca
da Ulla e noutros lugares de Galicia. Esta actividade extraescolar,
organizada dende a Concellaría de Educación, estase realizando
estes días nos colexios do Concello e está dirixida a escolares
de 2º e 3º ciclo de primaria. O Departamento de Educación
está desenvolvendo durante o curso diferentes programas
de apoio á comunidade escolar intentando complementar e
enriquecer pedagóxica e culturalmente aos cidadáns e cidadás
en idade escolar. A edil, María Álvarez Garea, lembra que
se farán cousas durante todo o ano que van dende música
nos colexios, ata excursións ou coma nestes días charlas
para coñecer mellor algunhas das nosas tradicións.
Entre o Nadal e a Semana Santa chega o Entroido. E en Teo,
como parte da comarca da Ulla, celébrase cada ano de xeito
moi especial. Os máis pequenos van sendo testemuñas nas
súas casas desta celebración. Sen embargo cómpre lembrar
algunhas tradicións que van mudando e outras que se van
esquecendo. Esto é o que están facendo estes días as persoas
da Regionalista, despois dun intenso traballo de campo de
recollida de información. Hoxe visitaban os colexios de
Calo e A Ramallosa e o luns pola mañá estarán nos Tilos.
Deste xeito explicáronlle ós máis pequenos como se celebra
o entroido en moitos lugares de Galicia e como se celebra
no seu Concello e ata como se facía hai anos. Despois de
amosarlle imaxes do oso de Salceda explicáronlle ao alumnado
que na parroquia de Reis (Teo) tamén saia o "Demo"
de Reis.
E a mellor maneira de explicalo é vivilo. Así un dos alumnos,
participou activamente na actividade, e prestouse a converterse
no Demo de Reis cun traxe de pel de ovella, unha máscara,
cascabeis e un ghallo para perseguir á xente. Un dos aspectos
sobre os que traballan nesta actividade é a participación
dos máis pequenos no entroido. Esta actividade nos colexios
compleméntase coa participación de persoas maiores que lle
ensinan ós máis cativos cantos ou músicas propias do entroido.
Tamén puideron ver algúns dos adornos usados nestes días
polos participantes nas comparsas e os xenerais. Con esta
iniciativa preténdese inculcar no alumnado unhas bases que
lle permitan ter unha visión crítica e responsable en torno
á defensa e protección da cultura popular dun pobo. E un
dos mellores xeitos parece que é que os nenos e nenas poidan
³tocar e experimentar esa cultura².
|