|
noticiasgalicia.-
O alcalde de Teo, Martiño Noriega,
destaca a importancia de que a compañía teatral Chévere se poida convertir
en compañía residente do Concello, xa que de concretarse a oferta cultural
ofertada se ampliará e se garante unha programación de altísima calidade.
O rexedor explica graficamente que esto permitiría que "o espíritu
da mítica sala Nasa de Compostela viaxe a Teo". Unha pregunta
do Partido Popular de Teo sobre este tema, no debate plenario do orzamento
celebrado onte, motivou as explicacións do alcalde sobre este proxecto
que está á espera de concretarse no próximo mes.
O programa de compañías residentes é unha iniciativa que permite asociar
o traballo dunha compañía de teatro consolidada a un espazo público.
Neste caso Chévere pasaría a ser compañía residente do Concello de
Teo e o centro de referencia para os seus ensaios e o traballo escénico
sería o Centro Sociocultural da Ramallosa. Este modelo de residencias
teatrais foi implantado pola Xunta de Galicia no ano 2009. O financiamento
deste programa suporá un coste dun 30% para o Concello, mentres o resto
dos fondos serían da Xunta de Galicia e da propia taquilla dos espectáculos.
A compañía, en contraprestación, ofertará unha programación anual no
municipio, con funcións gratuítas e outras nas que se poderá cobrar.
O Concello de Teo xa ten consignado orzamentariamente a partida necesaria
para comezar a traballar con Chévere en canto se cristalice o financiamento
comprometido por Agadic. Dende o goberno municipal destácase que este
investimento non supón un incremento de fondos para a programación
cultural, xa que se fixo unha reorganización dos fondos desta área
para poder acollerse a este programa. O alcalde de Teo valora moi positivamente
esta oportunidade xa que considera que "o retorno deste investimento
sería ter unha compañía deste nivel no Concello de xeito continuado".
A aportación económica prevista polo Concello "terá unha contraprestación
ampla en forma de espectáculos e de prestixio da oferta cultural².
Noriega explica que poucas veces "unha administración local das
nosas características pode dispor dunha oferta así, que aproveitamos
diante da negativa doutros concellos".
O feito de que Chévere pasara a ser compañía residente de Teo contribuirá
ó desenvolvemento cultural do Concello, implantando un proxecto teatral,
rendabilizando o uso das infraestruturas culturais municipais e proxectando
en Teo o capital cultural adquirido por Chévere e a Sala Nasa. A través
desta iniciativa cultural a compañía comprométese a producir un novo
espectáculo teatral no ano, con ensaios, estrea e funcións en Teo;
realizar tres Ultranoites cada ano, programar outros espectáculos da
compañía e realizar actividades complementarias a estas funcións como
obradoiros, campañas de promoción, ensaios abertos...
Contar con Chévere como compañía residente permitiría programar 49
actividades durante o ano, moitas delas de balde, e outras cun custe
de só 10 euros. Ademais todo a dotación técnica compañía estaría tamén
no local de referencia municipal, neste caso o Centro Sociocultural
da Ramallosa. O grupo Chévere naceu no ano 1987 polo que ademais en
2012 cumprirá 25 anos e esa celebración terá lugar en Teo. Dende finais
dos 80 tense convertido nunha referencia no mundo escénico galego,
destacando a apertura da Sala Nasa no 1992 onde estrea todas as súa
obras. Nos anos 90 realiza máis de 200 funcións en España e Portugal
co musical Río Bravo. No 1995-96 estrea Annus Horríbilis, con temporada
en Madrid e Barcelona onde recibe o Premio da Crítica de Barcelona.
No 2005-06 Chévere co-produce para a TVG a serie "Pepe o Inglés".
Máis recentemente co-produce a longametraxe "Crebinsky" e
as obras Testosterona e Citizen. .
|