|
noticiasgalicia.-
O concelleiro de Xuventude, Adrián
Varela, presentou a programación para a mocidade compostelá do primeiro
semestre do ano. As principais novidades son un curso de primeiros
auxilios, un campamento multiaventura en Portugal e un descenso en
BMX polo casco histórico. Esta proba celebrarase o sábado 19 de maio,
enmarcada nun Festival de Cultura Urbana que á súa vez estará integrado
no programa das festas da Ascensión. A proba sairá do Hospitaliño de
San Roque e rematará na praza de Praterías.
O concelleiro destacou o interese que este evento espertou e non descartou
que poida ser retransmitida por televisión. Ademais do descenso en
BMX, o Festival contará con outras actividades, como skate na praza
da Quintana, talleres e un concerto de hip hop do que aínda queda por
determinar os protagonistas e a ubicación. Seguindo coa programación
cultural do primeiro semestre, Adrián Varela lembrou que xa están abertas
dúas exposicións: a de 50 anos de fútbol galego en cromos no Centro
Sociocultural das Fontiñas e a mostra de fotografía do 4º Certame MúsicaXove
no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. A quinta edición desta
convocatoria anunciou- celebrarase no segundo semestre do ano.
Campamento de aventura
Xa no eido das actividades de lecer e tempo libre, a principal novidade
será a un campamento multiaventura na Ribeira de Pena, en Portugal.
Ata 50 mozos poderán participar neste programa, que se desenvolverá
en Semana Santa e que terá un prezo duns 40 euros. A previsión da Concellaría
é organizar outro campamento semellante no segundo semestre.
Formación
Outro grupo de actividades serán as formativas, entre as que o concelleiro
destacou unha serie de cursos sobre primeiros auxilios, dirixidos a
escolares de secundaria. Realizaranse nos institutos e serán impartidos
por especialistas en salvamento e socorrismo da Universidade da Coruña,
con clases teóricas e prácticas tanto en seco como en auga. Tamén se
organizará un curso de monitor de ocio e tempo libre, de 200 horas,
para 25 alumnos. Haberá un de iniciación ao cómic, outro de coaching
laboral e un de fotografía urbana.
|