banner   p   banner
linea
linea
    Galicia iconotiempo España
noticiasvigo  
p confidencial
  CORUÑA   SANTIAGO   FERROL   LUGO   OURENSE   PONTEVEDRA VIGO  Envio de titulares   Agregar a favoritos   Recomienda esta Página
linea
          google callejero cine trafico labolsa

A Real Academia Galega de Ciencias homenaxeará ao químico Antonio Casares no Día do Científico Galego

 

noticiasgalicia.- O químico Antonio Casares Rodríguez será o protagonista este ano do Día do Científico Galego. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) aprobou por unanimidade a elección de Casares polo seu labor pioneiro en múltiples aspectos da vida académica e investigadora non só de Galicia senón de toda España. Aínda que o acto conmemorativo se celebrará o 24 de abril, grazas á colaboración da Fundación Barrié as actividades de difusión estenderanse ao longo de todo o ano, con especial atención á comunidade escolar.

Coñecido como o pai da Química galega, foi un dos creadores da análise química en España; elaborou os primeiros anestésicos utilizados en operacións cirúrxicas en Galicia; foi pioneiro na aplicación da investigación á industria e á agricultura; caracterizou por primeira vez as augas medicinais galegas; foi a primeira persoa en obter luz eléctrica mediante arco voltaico en España; descubriu novos minerais; e introduciu as prácticas como parte fundamental na aprendizaxe dos seus alumnos universitarios. A RAGC organiza este ano a quinta edición do Día do Científico Galego, co que a comunidade científica galega quere homenaxear as figuras máis destacadas da súa Historia, difundindo a súa contribución para que a opinión pública poida percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro.

Logo de lembrar en edicións anteriores as figuras do matemático Enrique Vidal Abascal, do xeógrafo Isidro Parga Pondal, do enxeñeiro agrónomo Cruz Gallástegui e do astrónomo Ramón María Aller Ulloa, o homenaxeado o 24 de abril será Antonio Casares, no mesmo mes no que se cumpren os 200 anos do seu nacemento. Ademais de organizar actividades específicamente deseñadas para achegar a figura de Casares á comunidade escolar, a Fundación Barrié presentará proximamente unha unidade didáctica dedicada a el e aos seus achádegos, que será distribuída en todos os centros de ensino galegos. Esta colaboración enmárcase en educaBarrié, a iniciativa da Fundación Barrié para achegarse á comunidade educativa, e que está xa activa en centros escolares das catro provincias (www.educabarrie.org).

Unha figura de difícil parangón
O enorme valor do legado de Antonio Casares é unanimemente recoñecido pola comunidade científica galega e española, tanto pola multidisciplinaridade dos seus achádegos na súa faceta investigadora como pola súa concepción práctica e innovadora das tarefas docentes. Antonio Jacobo Casares Rodríguez naceu en Monforte de Lemos (Lugo) o 28 de abril de 1812. Licenciouse en Filosofía (disciplina na que tamén se doutorou) e Farmacia nos primeiros anos da súa carreira e, xa máis tarde, en Medicina. Con só 24 anos gañou por oposición a primeira Cátedra de Química aplicada ás Artes da Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, que posteriormente abandonaría para converterse no primeiro catedrático de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cargo que ocupou dende 1845 ata o seu falecemento.

Entre 1840 e 1843, comezou a dar clases de Historia Natural e instalou a súa farmacia na Praza do Toural de Santiago, aínda hoxe en funcionamento. O seu primeiro cargo administrativo na USC chegou en 1846, cando foi nomeado decano da Facultade de Filosofía (que daquela abranguía as disciplinas de Letras e Ciencias), na que posteriormente tamén obtería unha cátedra. En 1857 asume o decanato da recén creada Facultade de Farmacia e dous anos despois converteuse no primeiro decano da Facultade de Química. No mesmo ano que rematou a carreira de Medicina, en 1872, foi nomeado reitor da USC, cargo que exerceu ata a súa morte e que actualmente ostenta o seu tataraneto, Juan Casares Long. Faleceu en Santiago de Compostela o 28 de abril de 1888.

Pioneiro en múltiples disciplinas
A extraordinaria cultura e capacidade de traballo de Casares permitíronlle deixar unha importante pegada en diferentes ámbitos de coñecemento. En primeiro lugar, foi un dos creadores da análise química e un dos iniciadores da técnica coñecida como espectroscopía en España. A el débense os primeiros estudos en profundidade sobre as fontes de augas medicinais e os viños galegos. No primeiro caso, os seus traballos de análise de metais en augas levárono a realizar as súas primeiras investigacións en Caldas de Reis e Cuntis, ás que logo seguiron outras en Arteixo, Carballo, Mondariz, A Toxa, Sousas, etc.

O seu prestixio nesta área era tan grande que os seus servizos foron requeridos por toda España, dende Gran Canaria ata Zamora. O seu traballo sobre o descubrimento dos metais Rubidio e Cesio en augas minerais foi un fito importante na ciencia española. No ano 1847, tan só unhas semanas despois das primeiras experiencias mundiais en Massachussets (EE.UU.) e Edimburgo (Reino Unido), sintetizou o cloroformo e o éter cos que se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas con anestesia en España. O seu carácter emprendedor levouno uns anos despois, no 1851, a acender no claustro da Facultade de Historia de Santiago a primeira luz eléctrica con arco voltaico que funcionou en España. Á marxe das súas disciplinas principais, tamén cursou estudos de Mineraloxía no Museo de Ciencias Naturais de Madrid e tamén nesta materia realizou investigacións, ata o punto de que no curso dos seus traballos de campo en Cabo Ortegal (A Coruña) logrou descubrir dous novos minerais: a morenosita e a zaratita (aínda que esta última non se admite na actualidade como especie mineral propiamente dita).

Ademais, foi un dos tres especialistas que, a petición do cardenal Miguel Payá Rico, dictaminaron sobre se os restos descubertos na Catedral de Santiago en 1879 correspondían ao apóstolo e a dous dos seus discípulos. No campo docente destacou pola súa metodoloxía práctica, que incluía sistematicamente observacións, experimentos e saídas ao campo. A súa preocupación por que os seus alumnos dispuxesen de manuais levouno a traducir textos estranxeiros, aínda que logo se animou a escribir os seus propios libros. O primeiro foi o ‘Tratado de Química’ en 1848, que foi utilizado de xeito oficial nas universidades de España durante case corenta anos e que poñía especial énfase na aplicación práctica das ideas tanto na industria como na agricultura, un aspecto novidoso no seu tempo.

 
 
síguenos también en Facebook
l
canal islas
atlánticas
canal vinos
canal inmobiliario
canal viajar
canal empleo
canal pueblos
canal golf
canal museos
canal directorio
canal empresas
islasn
vinon
inmobiliarian
descubren
empleon
pueblosn
golfn
museosn
directorion
empresan
©Publicidad y noticiasdegalicia S.L.
Todos los derechos reservados
.-E-mail: info@noticiasgalicia.com Optimizada para 1024 x 768 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad | Tarifas Publicidad