|
O programa de inserción laboral "Emprego
Santiago" desenvolve 12 accións formativas
 |
noticiasgalicia.-
A concelleira e Familia, Benestar Social, Muller e Emprego visitou
os alumnos do programa Emprego Santiago, que están realizando un
curso de cociña no Albergue de Xoán XXIII.
Este curso forma parte das 12 accións formativas modulares que neste
mes de decembro se están a realizar no marco do programa integral
de inserción Emprego Santiago. As persoas usuarias do programaEmprego
Santiago estanse formando na utilización das TICs para a xestión
administrativa e da empresa (30 participantes); en ofimática e Access
avanzado (25 participantes); nas especialidades de atención ao público
(25 participantes), cociña (13 participantes), limpeza de superficies
e mobiliario en edificios e locais (10 participantes); almacenista
(10 participantes); mantemento e reparación de edificios (15 participantes);
inglés (10 participantes); iniciación informática (15 participantes);
e busca activa de emprego (11 participantes). Ademais da formación
correspondente a cada especialidade, levaranse a cabo prácticas
non laborais en empresas en non menos dun 50% das prazas, que se
realizaran despois de finalizada a acción formativa. A súa duración
máxima será de 80 horas, a razón de cinco horas diarias.
O Programa Emprego Santiago, está subvencionado pola Consellería
de Traballo da Xunta de Galicia. Paula Prado aproveitou a súa visita
ao curso de cociña para manifestar a súa satisfacción pola calidade
das prácticas realizadas, dado o alto nivel de destreza adquirido
polos alumnos do curso. A concelleira felicitou os participantes
polo "magnífico labor que están realizando" e animounos a que aproveiten
o período de prácticas en empresa para mostrar as súas habilidades
adquiridas nestas accións. "Queremos que a xente saia cunha boa
formación teórica e práctica", dixo, resaltando a boa acollida do
programa entre as persoas desempregadas.
|