TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Razóns e/ou verdade

Se se me consinte a obviedade, direi que un conflito soe xurdir cando as razóns duns chocan con estrépito contra as razóns de outros, sen ánimo de empatía por ningunha das partes. Se unha das partes dun conflito reclama, por exemplo, que se lle recoñezan as horas traballadas con independencia de pertencer a un dos colectivos mellor pagados por convenio, é por que súa razón e/ou verdade está baseada nunha realidade (quizais paralela) na que se están a vulnerar seus dereitos como traballadores. Pero se outra das partes reclama, por exemplo, que se cumpran seus designios como consumidores unha vez mercado un billete de avión, é porque súa razón e/ou a súa verdade está baseada nunha realidade na que sinxelamente os feitos teñen unha consecuencia lóxica; ao feito de adquirir un billete de avión para visitar á familia de Bichoguntín na ponte de decembro correspóndelle a consecuencia da adquisición esa, que é viaxar en avión a Bichoguntín. Sen considerar o máis mínimo causa reivindicativa ren que non vai nin ven co feito de ir visitar á familia cando hai uns días libres.

E se unha terceira das partes dun conflito reclama, por exemplo, que exista unha normalidade social baseada nun máis ou menos correcto funcionamento dos medios de transporte e das infraestruturas turísticas para garantir o descanso das persoas e avivar un chisco unha economía nacional algo abafada é porque súa razón e/ou a súa verdade está baseada nunha realidade na que cómpre garantir a normalidade absoluta e conxugar na mellor das medidas os parámetros democráticos.

E se aplico toda esta verborrea ao conflito destes días cos controladores aéreos, tópome con inxentes cantidades de vítimas que sufriron inxustizas que non merecían, por mor dos intereses laborais duns poucos que non amosaron o mínimo sentimento de empatía porque tamén dicían ser vítimas (en realidade paralela?). Empatía. Algo tan sinxelo como poñerse na pel dos pais de tantos meniños tirados nos aeroportos. Pero tamén me todo cun goberno estraño que quizais debera ter feito os "deberes" con anterioridade, para non se ver na tesitura de rebentar cun Estado de Alarma, que fai tremer ese fundamento democrático que tanto enche súas bocas a diario (bocas azuis tamén). Coma se se tratara dun pai ou unha nai que tolera o mal comportamento de seu fillo ata un día estoupa e lle da unha malleira tremenda. En fin.

09/12/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad