|
...E volver
As
chancletas comezan a quecer nos pes que arrefrían (a cheirar diría o
Reverte) e hai que cambialas polos pulcros zapatos da costa do curso
novo. Escolar, político, universitario, cursos de coleccións de parvadas
dos quioscos que só denotan problemas psicolóxicos nos coleccionistas,
cursos Ce Ce Ce, a liga de fútbol tranquilizante, tanto ten. O caso
é ter recursos abondo para arrostrar os cursos outra vez. Pois comeza
un tramo °ƒnovo°± que volve nun anuncio perpetuo no ciclo dos ciclos.
Rutina de verán por rutina de outono. Os bañistas, certamente cansos
de sumir barriga, secan pelica e retornan en longas ringleiras fumegantes;
a unha Ítaca nunca desexada. Pode que esa sexa a auténtica Santa Compaña.
Ánimas alienadas que retornamos paseniño á crise, ou ela volve a nós
resignada, nesta nosa Galicia vella.
Os poderes públicos amosan tamén un tramo novo, de indefensión; novo
tramo de desorientación. Uns se amosan indefensos e desorientados ante
a inoperancia e os outros ante a descualificación sistemática. Nacionalmente
e a nivel autonómico, na España España e no noso país de caciques, clientelismo
e carne ao caldeiro que non cambiará nunca. Recortará algo seus gastos
en carne ao caldeiro, pero non cambiará, máis preocupada no reparto
amigable (aos amigos) das poucas racións de caldeirada que na actuación
na chegada da fin dos fondos europeos. Nun país este onde o diñeiro
é a panacea que abona a mansedume e cubre, como caída da bóveda celeste,
os orgullos, os amores propios, as éticas e quizabes as xustizas.
Entra setembro do suposto 2009, e a Galicia volve saber que morrerá
de vellez, pero non da propia, non do cansazo lóxico da pedra e da paisaxe
co devir de millóns de anos, senón por mor da vellez que nela pesa,
que de vez máis vella será. A ancianidade perpetua da falta de infraestructuras
e, consecuentemente, oportunidades laborais. Non a oen chorar? É ela.
O salouco mudo da Galicia que coñece a existencia de deslocalizacións
e EREs (malditos acrónimos), que me levan, nun flashback, a unha conversa
que tiven certa vez cun interlocutor que esquecín: es que el empresario
vela por sus intereses. Algúns empresarios, querido X, son inhumanos
e iso non é de recibo, vaites. Lembran o que facía Henry Ford cos seus
empregados??? pois todo o contrario a deslocalizar ou regular. Motivaba.
So iso. Penso que non era un enfermo dos cartos.
Tamén tenta facer equilibrio no sedeño da actualidade o inefable plan
E que, non sei por que, me lembra fachos ao tamén inefable plan Galicia
do desacougo, e tamén a esas persoas de atención dispersa que abren
simultaneamente cincuenta frontes de traballo, conferindo a cada fronte
individual un cariz faraónico, pola pura dispersión, por abarcar e non
apertar. Algo así como as obras en Vigo mentres Santiago mira cara a
baronía que se lle aveciña, esa estrutura provincial tan exclusiva,
que soa decibelios a avoengo rancio (co que implica), antano do Camps
e hogano do Feijoo (non padre Feijoo senón Núñez Feijoo, maticemos),
mentres vostede e mais eu pasamos o ferro ao traxe que nos imos pór
o martes para comezar co mellor dos sorrisos o novo curso. Para volver
pagar impostos, trabucos e facenda, para volver ser roubados pagando
plusvalías, para pregar aos bancos un préstamo mísero, para sentir por
riba de nós esa choiva de ouriños coma se de auga de maio se tratara,
para coleccionar culleriñas de auxiliar de catador de fez, para alienarnos
co fútbol e para envexar, quen sabe, a eses elementos que teñen unha
sorte de patente de corso que lles perite camiñar polo mundo pisando
a quen faga falta e sen sentir estas malditas rutinas todas. Que os
hai, abofé..
31/08/09
 |
|