|
Grimorios
UN HOME DECLARA TER A ESENCIA SACIADA. UNHA MULLER E SEU FILLO CON SÍNDROME
DE DOWN DECLÁRANSE FELICES. O MUNDO ESTÁ LIMPO, SEREO E EQUILIBRADO.
CHEGA A CONCORDIA E O ENTENDEMENTO AO CUMIO DAS UNIDAS NACIÓNS. OS ESCRIBIDORES
DE BESTSELLERS DE INTRIGA E TERROR DEIXAN DE ESCRIBIR DENDE QUE O MAL
DEIXOU DE EXISTIR. TODO É FERMOSO. A PAZ PODE INHALARSE NO MUNDO TODO.
O ANO 2009 VE POR FIN A POBOACIÓN MUNDIAL ALFABETIZADA. A RIQUEZA ESTÁ
REPARTIDA. O CEN POR CEN DOS HABITANTES DO MUNDO DECLÁRANSE COA PAZ
INTERIOR NECESARIA PARA MORRER ACOUGADOS...
Como alguén me acusou de negativo e derrotista, estes poderían ser os
titulares dun desexable xornal que se nos amosase. O xornal desexado
polo humano entristecido de puro lector deses rotativos nos que non
se reflicte a felicidade, a tranquilidade ou o equilibrio (o benestar
soa a outra cousa; egoísmo como mínimo). Pois son coma grimorios de
bruxos arcanos, aos que nos achegamos ignorantes; que non lemos en profundidade
nin contrastamos, e que por riba profetizan nosa condición. Todo nunha
realidade na que é moi difícil amosar un sorriso precisamente por testemuñar
continuamente nosa condición. Fieis "defuntos" que deixamos
pasar a vida diante das páxinas do xornal que nos besbella miserias,
inxustizas e barbarie. Cando non o facemos estarricados ante un sol
que nos está a matar paseniño porque non se amosa na tempada correcta.
É que, para comezar, Al Gore non merecía o Nobel, pero tiña algo de
razón.
Sol de novembro sentido nunha Galicia que esmorece como un papel engurrado
engulido polas lapas do tempo. Testemuñando corruptelas particulares
e corrupcións xerais de dezaoito alcaldes de todas as cores políticas
nos últimos anos, morrendo catro veces máis apresa que o resto de España,
mirando con vista cansa como os galegos abandonan as aldeas por falta
de oportunidades laborais e infraestructuras e solidez, caendo dos núcleos
rurais; das procedencias, coma cabelos brancos partidos pola raíz do
fastío. As aldeas calan resignadas coas contras das casas na incipiencia
da putrefacción agardando, quizais, as tiriñas do turismo rural, que
cada día ten máis relación coa realidade virtual. Mentres os concellos
que abarcan esas aldeas fan malabares para pagar as nóminas dos seus
empregados. É que eramos poucos...
Tento soster entre as mans o antixornal, o rotativo optimista que deberíamos
ler con asiduidade, pero cae de irrealidade e só son quen de ver a corrupción
dende a operación Pretoria de Santa Coloma ate a Francia do Chirac.
Dende os verquidos ás rías galegas ate o problema climático constatado
pola comunidade científica (non se acabará o mundo mañá, pero o problema
está). Dende a liberdade coartada no caso do neno obeso de Ourense,
onde as responsabilidades encadeadas só as paga a familia, ate a clasificación
X da película de terror Saw VI, que nos da a entender que seguimos a
confundir as ficcións coas realidades, algo así como considerar a Poe
un criminal, a Bram Stoker un nigromántico, ou a Clive Barker un sadomasoquista
conxurador das forzas do demo. Liberdades coartadas mentres o goberno
lles dá metralletas aos "seguratas" que a partires de agora
viaxarán nos barcos pesqueiros, e Bolonia nos suprime as esenciais humanidades
dos plans de estudio, cando deberían estar presentes en TODOS os plans
de estudio que insten ao alumnado ao pensamento, dándonos a sensación
dun advenemento dunha era tecnolóxica da suprema ignorancia.
02/11/09
|