|
Literatura é o mundo... (pero el non o sabe)
Nesta tempada de negociacións con piratas venme á cabeza, de xeito recorrente,
o mercado editorial, e a pouca importancia que este lle concede á literatura.
É que en realidade España si que le, pero que cousas! Este escribidor
entende a literatura como algo ben traballado, de personaxes fondas
e perfiladas que fan percutir unhas cordas que nin sabemos que temos
no interior, que nos levaría da man a un crecemento persoal e humano
fulcro, quizais, da humanización que nos falta. E neste meu entendemento
non cadran señores como Dan Brown, co seu novo estreo (O Símbolo perdido)
no que pasou dun rustrido de personaxes estereotipados, María Magdalena,
Vaticano, símbolos e prioratos a outro de máis símbolos, masonería e
personaxes máis estereotipados, nun estoupido mundial de ventas que
nos desvela tres posibilidades: a) que a humanidade non sabe ler, b)
que a humanidade "le" exclusivamente para entreterse, ou c)
que como a humanidade non sabe ler, le exclusivamente para entreterse.
Sinceramente penso que as tres opcións son correctas.
Aínda sendo un cinéfago empedernido podo dicir que os libros non deberían
ser entendidos como guións cinematográficos de evasión, onde se expoñen
sen metáforas uns feitos que desencadean unha trama ou conflicto que
da lugar a unha resolución ou desenlace. Deberíamos saber distinguir
entre o cinema e a literatura, pois "cineratura" é un vocábulo
que non está recollido en diccionario ningún. O cine é unha arte e a
literatura é outra arte diferente, e a literatura situada nunha delgada
fronteira co cinema non é literatura senón, como moito, cine lido. Non
nos enganemos, Dan Brown non fai literatura, nin Ken Follet, nin John
Grisham, nin Robin Cook, nin a facían Isaac Asimov nin Michael Chrichton
nin tantos outros... que non verteron seus mundos interiores no escrito,
e dubido que pensasen un intre no momento de escribir que a intención
de súas obras fose a axuda vital, senón, como moito, un engado para
que espelidos produtores comprasen os dereitos das novelas para levar
as historias ao cinema. Será pois que o atractivo visual e pecuniario
dos productos cinematográficos tira máis a este tipo de escribidores
que a auténtica literatura. Morreu López Vázquez nestes días, pero tamén
morreu Francisco Ayala...
O que parece unha opinión subxectiva sobre o que é ou non é literatura
xa a testemuñara Harold Bloom cando escribira que San Agustín inventou
a lectura tal como a coñecemos nos derradeiros dezaseis séculos, e que
hoxe contemplamos con tristura elexíaca a morte do "ler" nunha
época que celebra a Stephen King. Unha época na que o ritmo de vertixe
da sociedade nos bota a buscar evasións constantes e Express, facéndonos
deglutir produtos (ou subprodutos) pouco traballados en relación á literatura
e moi traballados en relación co estoupido comercial e as vendas masivas.
Libros máis reflectidos nas tramas cinematográficas que na literatura
que nos conviría para medrar como persoas e non como consumistas. Medrar
como o escritor George E. Vault, que dicía, ao respecto do seu pouco
interese polas vendas, que non quería "unha pasta" para vivir
senón ler e ler para mellorar a súa pasta. Podemos escoller o que lemos.
Pero que pode ser entón literatura? pois esencia humana sublimada, non
trama. Ser humano reflectido no escrito, no que ha ficar, non estrutura.
Permanencia inmanente, non estilo. Pois literatura é o mundo, pero el
non o sabe. Literatura non é presentación, nó e desenlace, senón presentación,
esencia, prestancia, consagración e eternidade, cuxa esnaquizada copia
é o tempo. É estar de xeito perpetuo no penúltimo chanzo dunha escalinata
que non leva a ningures, porque nunca hai, haberá, unha fartura, unha
satisfacción ou plenitude, unha chegada gloriosa a un parnaso. Literatura
é unha perseveranza, a crítica da ninfa Eco, unha lealdade, un vivir
sen vivir, pero vivindo. Unha submisión, dúas, todas as submisións aceptables
(as outras non son nada; menos literatura). Unha malleira vital, un
puñazo constante que nunca persuade de nada, un eco baldío. Éo todo,
pero non é nada... E mentres con respecto ao cine Amenábar é un ourensán
máis ante os que practican a cultura da croqueta, con respecto á literatura
outros escritores de mínimas minorías continuarán corroborando o dito
ese de Pastor Páez que di: Literatura é o mundo, pero el, pobre, aínda
non o sabe.
09/11/09
|