TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

O espazo nas súas mans en estado de dereito


No ano 1960 o director de cine George Pal, o Spielberg da época, dirixiu a soberbia película O Tempo nas súas mans (Time Machine. 1960), baseada nunha novela de Herbert George Wells, escritor ao que xa mirei co ollo de vidro en outro artigo desta sección. No filme, George Wells (Rod Taylor), nome do personaxe en homenaxe ao autor inglés, construía unha máquina para viaxar no tempo e, obviando paradoxos no argumento, conseguía viaxar primeiro cara atrás e logo cara adiante, chegando a unha época, oito mil séculos despois, na que o mundo estaba dominado por unhas criaturas subterráneas chamadas Morlocks que se alimentaban das criaturas humanas terrestres, albinos de pel nívea que non pensaban noutra cousa que non fóra en non pensar.

Recordei o filme este porque coa conmemoración da caída do muro de Berlín, cuxa celebración dubido un pouco polo dato de que non todos os alemáns desexaran a caída, cheguei á conclusión de que a pervivencia doutros muros tan vergoñentos coma este, os arames en moitas fronteiras sen ir mais lonxe, nos di que só os que habitamos os países ricos nos podemos mover pola bóla Mandarina con certa liberdade, coma se fosemos Rod Taylor, pero viaxando no espazo no canto de viaxar no tempo. É factible, pois, viaxar no tempo a través do espazo. Se viaxamos no espazo, neste suposto ano 2009 que nos da contexto, viaxaremos tamén no tempo. A saber:

Podémonos meter na máquina, que podería ser algo tan pouco prosaico coma un automóbil, avión ou helicóptero, e viaxar ao recóndito paraxe onde unha tribo que vive na prehistoria alumeou a Claude Lévi-Strauss, recentemente finado, a candea do estructuralismo. Logo inzar o voo e vir a Galicia a ver que, quizais, esteamos nun incipiente "século escuro" onde o galego pode vivir un período de decadencia, perdendo seu uso nos rexistros oficiais. Máis tarde, en orde temporal lóxica, irmos a calquera dos setenta países onde a homosexualidade é perseguida, incluso con pena de morte, coma se da Alemaña nazi se tratara. Acto seguido metérmonos no vehículo e regresar a España, concretamente ao país Vasco, onde a Esquerda Abertzale ofrece unha negociación pacífica que ninguén cre, pensando nas previas treguas ofrecidas. Logo ir a Somalia a testemuñar o suposto paripé da negociación con seus piratas, onde máis persoas proporían a lei do Talión para rescatar aos "nosos" que o procedemento propio dun estado de dereito (blandiño, iso si) que é como debe ser a estas alturas de progreso humano.

Poderíamos viaxar tamén a un dos máis de vinte países onde as mulleres seguen a ser discriminadas, coma se da bruxería do medievo se tratara (http://www.mundourense.com/elfotomaton/perspectivas/bruxeria.htm), logo a Estados Unidos, onde se fai unha interpretación libérrima do protocolo de Kioto nestas datas de triste "conmemoración" da enorme neglixencia do Prestige, despois, en lóxica secuencia de tempo, volver a Galicia, onde o partido popular amosa a mesma querencia pola cultura que no seu día pasado amosaron os Talibáns ao comezo da súa cruzada contra o "inimigo occidental". Occidental que ten ao seu favor, itero, o uso máis ou menos democrático do estado de dereito. A esperanza dos Rods Taylors que testemuñamos estas escalas no espazo humano.



09/11/09

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad