|
Evolución e pantasmas
Pese a que o chisme común defende que as persoas non cambiamos nunca
en ningún aspecto, existen varios émbolos de impulso de cambio que botan
por terra a aseveración esta. Podémonos quedar con dous deses propulsores:
a autocrítica e a forza de vontade. A autocrítica, ese ben prezado que
tanto escasea e que nos obriga a analizarnos interiormente, e a forza
de vontade, a máis forte das forzas, a que nos da pulo para ir facendo
eses cambios necesarios; esa subida de chanzos na vital escalinata.
Ambos émbolos converxen nun vocábulo chamado evolución. Non confundir
con sofisticación, que estoutra palabra carga un monllo de falsidade,
senón evolución, evolución no sentido máis depurativo do termo.
Nestes días aciagos de free Alakrana, de incerteza lingüística na Galicia
e de protestas por parte dos traballadores do agro que ven como a corda
apreta e afoga lembrei a evolución, unha das capacidades máis apaixonantes
do ser humano. Evolucionamos, temos as lecturas que podemos, facémonos
máis persoas, purgamos as estupideces que non van a ningures, educámonos,
reeducámonos, volvemos educarnos, tentamos socializarnos o mellor posible,
aprendemos a distinguir o verdadeiramente importante da pecata minuta
e posteriormente simplificamos, evitando sempre que o sangue corra por
sitios que non veñen a conto nin a conta nin a nada.
Neste estado de continua evolución atópase a madurez, a esperable madurez
que pode chegar en calquera momento (ou nunca), e nos redime de ser
presas dunha intelixencia fracasada. A madurez que nos fai mirar cara
adiante e obviar todo aquilo que non aporta nada no noso desenvolvemento
interior, baseado en firmes principios como a amizade (a verdadeira),
a solidariedade, a sinceridade ou a fidelidade para estar a gusto con
nós mesmos e na máis apañada das medidas co mundo (empresa complexa;
ardua). E neste estado un ser humano pode chegar a atopar o sentidiño
á súa existencia; a verdade da súa estadía na bola que xira.
E todo pode fluír nunha busca perpetua e constante, na realidade inapresable
como o río de Heráclito que se busca permanentemente ate que as forzas
fallen, ata sempre e nunca. E neste estado, neste proceso constante,
pode irromper unha pantasma do tempo pasado e botar por terra todo o
anterior; reconverter a unha alma evolucionada nunha alma insegura con
teimas e desacougos. Así de simples e complexos somos. E non é preciso
que a pantasma amose o seu poder loxístico, con só pórse diante obnubila
ata tal punto que o observador externo cae na conta de que non somos
tan fortes como nos queremos dar a ver e que en ocasións cómpre ver
un tronco flotando no río da vida (o que desemboca no outro río; o de
Heráclito) para apertarnos a el con forza. Ao mellor ese tronco chámase
amor; ao mellor tan só amizade, pero é tan preciso coma o osíxeno.
23/11/09
|