|
País paraxial
Ía falar, nesta tribuna que se me presta, do ferinte impacto da crise
nalgunhas familias, do matrimonio americano que se colou nunha cea Obama
de pompa e boato, dalgunhas persoas fuxindo da controvertida vacinación
contra a gripe de moda, de por que a Igrexa opina sobre o aborto, do
vacuo remedio ao conflicto saharauí, de que o goberno español non xestionou
tan mal o secuestro do Alakrana, vendo o que pasa agora co Ariana MV
ou outros barcos máis (ate doce), da impunidade para a corrupción en
España, das espullas do estatuto catalán... pero decidín centrarme na
miña Galicia, verter os ollos neste recuncho que cada día me semella
máis a unha zona entre irreal e surrealista.
Non comprendo como hai galegos que simpatizan co anuncio televisivo
de "Vivamos como galegos"; un compendio audiovisual de tópicos
que se pretende erixir en arenga en favor dunha galeguidade de impostura.
Non comprendo como eses seareiros que berran en alta voz a "consigna"
do Maloserá se ofenden cando algunha estúpida, tamén televisiva, allea
completamente á idiosincrasia do noso folclore, remexe no caldeiro dos
tópicos e ouvea un (pre)xuízo. A publicidade busca o que busca e non
deberíamos facer nosa unha argucia de márquetin tan obvio, pois nos
utilizan para vender seus produtos e nós non somos iso nin así, neste
país onde o máis lido nun xornal dixital foi a seguinte "nova":
"Expulsan a Indira de Gran Hermano tras una pelea..."
Non nos tomamos en serio a nós mesmos, nin cara España nin cara este
goberno que non nos representa, que sinte como a Axencia Europea das
Linguas Minorizadas lle turra das orellas e se limita, na voz do conselleiro
de educación, a desacreditala (a toda unha Axencia Europea); a dicir
textualmente- que o informe en contra da castración da lingua propia
non ten pés nin cabeza, e que [o goberno] non ten intención de cambiar
súa política lingüística, nin de investir en cultura, pero si de privatizar
os servizos sociais, ou facer unha mega caixa de caudais nunha Galicia
onde a maior parte das investigacións da fiscalía contra cargos públicos
son por delictos urbanísticos. O que xa comentei noutro texto desta
sección: a esquerda ao seu e a dereita ao seu e o proxecto común esmorece
de catro en catro anos. E namentres? Pois habitamos a rexión paraxial.
Rexión paraxial? Si. Unha rexión paraxial é unha área na que os raios
de luz parecen unirse nun punto despois da refracción. Nesta área obxecto
e imaxe parecen coincidir, pero en realidade nin o obxecto nin a imaxe
reconstituída reside alí: Non hai nada, nada é. Segundo Darryl Jones
esta área paraxial podería ser tomada para representar a rexión espectral
do cinema fantástico cuxo mundo imaxinario non é nin enteiramente real
(obxecto) nin enteiramente irreal (imaxe) pero está localizado nalgún
lugar entre os dous. E este que subscribe pensou que por que non se
vai poder aplicar este símil marabilloso tamén á vida diaria; ao noso
devir nesta zona que limita co cantábrico, co atlántico, Portugal e
a península. Andamos a vivir na área paraxial e nin sequera somos conscientes.
O obxecto e a imaxe parecen coincidir, pero en realidade nin o obxecto
nin a realidade están aí. Nada, non somos nada. Mirémonos. Que hai?
Será esta nosa Galicia un país paraxial?
30/11/09
|