TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Gregoísmo (Gregarismo+Egoísmo)


Neste clima de "celebración" constitucional por unha carta magna que cumpre trinta e un anos (adscrita, se queren, á xeración Nocilla) abáfame esta sociedade de Babel que ás veces amosa conivencia cos piratas somalís e outras veces nos chama piratas a nós, os internautas, blogueiros ou como se nos queira chamar, por apropiármonos, segundo din, de propiedade intelectual; que por outra banda xeramos nós mesmos ao dedicármonos á arte desacougante da escrita. Abafa a sociedade que é quen de amosar simpatía por "el solitario" (e gozar da súa inefable adaptación televisiva) e participar na crucifixión mediática dun home inxustamente (pre)xulgado por supostos abusos contra súa fillastra. Nun circo mediático onde nos fan reaccionar como a eles lles interesa, a partires duns datos tendenciosos, inconscientes de sermos marionetas penduradas dos fíos de calquera manipulador. E escribimos, falamos e pensamos sen demasiada empatía e pasando a realidade pola nosa "cartilla", quizais individualista, quizais mediatizada. E facemos (pre)xuízos en función de como nos foi na feira e de como desexamos que nos vaia, antepoñendo nosos intereses á moral, ideoloxías e bens colectivos. A propiedade intelectual quere diñeiro e o usuario de internet quere información (e o goberno media como pode). Os galegos queremos autogoberno e Núñez Feijoó quere inmiscirse nas fragas estatais ate chegar ao poder central. A Igrexa quere poder divino e nós queremos que sexa unha práctica relixiosa máis. O PP quere privatizar ata en Buenos Aires e nós queremos garantías sociais abraiados ante a idea da privatización dos servicios sociais, cada vez máis convencidos de que a dereita e a esquerda sofren diferencias irreconciliables; unha disputa de egoísmos coa particularidade de que o egoísmo da esquerda redunda no ben social.

E ao tempo que comemos, durmimos, lemos o que queren que leamos, e pensamos o básico, os cooperantes internacionais dignifican a condición humana "xestionando" a solidariedade internacional expostos aos secuestros por parte de persoas ao mellor non tan necesitadas como integradas nun sistema de corruptelas nuns países de gobernos precarios e influenciables. Por iso non é de recibo amosar empatía explícita por secuestradores e piratas sen atopar a xusta medida. Esa xusta medida que tamén habería que topar para saber realmente que fan as tropas españolas no Afganistan, co beneplácito da ONU, pero sen definirse abondo, nunha sorte de "agárrame que lo mato"maquillado de misión humanitaria. O goberno quere cumprir nas súas relacións exteriores, o soldado quere un soldo digno e nós queremos respostas. Gregarios e egoístas.

E mentres os gobernantes da Galicia (que non goberno galego), seguen a amosar seu desprezo pola cultura e todo o cultural, retirando financiamento a máis actividades culturais, espazos televisivos, encontros, asociacións... e amosando seu plumeiro ao interesarse pola fundación Camilo José Cela, que leva tempo facendo auga, Baltar Blanco loita por coliderar a provincia de Ourense con papá, a xeito de "tetrarreinado" (bi-virreinado, se se me consinte a prefixación) para mirar cara a nós dende o alto. Gregarios, egoístas e indeterminados nós, mantedores da perpetua rede de influencias caciquismo e clientelismo, eles...



09/12/09

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad