|
Demagoxia e "destinción"
Estamos na antesala do Nadal e, mentres preparamos os bandullos para
enxestas hiperbólicas, nun recollemento moi consumista e pouco espiritual,
seguimos a sufrir os lategazos que esta dereita que nos goberna (pero
non nos representa) se empeña en zorregarnos. Nun marasmo de frialdade
e asepsia alleo a unha conciencia identitaria de Galicia. Ás privatizacións
continuas que parece van facer da Galicia unha grande e impersoal sociedade
anónima, co hospital do centro galego de Buenos Aires como exemplo máis
relevante e triste, hai que engadirlle a conversión doutras asociacións
de emigrantes en sedes do PP, a aposta exclusiva por empresas alleas
a Galicia para promover o Xacobeo, os gandeiros e labregos escravizados
facendo exercicios de resistencia ante un goberno que ignora completamente
o rural, ou o derribo que se lle está a facer á nosa lingua galega a
ollos abraiados de España e Europa. O Partido Popular somete a Galicia
a un lavado corrosivo que está a destinguir (non distinguir) nosa conciencia
de grupo.
Estamos na antesala do Nadal e a escena política española xoga ao innobre
xogo da demagoxia, do que moitas veces me pregunto se os xogadores coñecen
exactamente as acepcións semánticas do termo que da nome ao xogo (ou
iso ou que están tan obcecados nas súas ansias políticas que esquecen
unha "miudencia" como que están a incorrer en demagoxia):
Rajoy contra a lei do aborto e avogando pola defensa do dereito de poñer
crucifixos nas paredes das escolas confesionais. Sendo do gremio como
son, opino que nun estado aconfesional laico que festexará o Nadal por
todo o alto, certas "fiscalizacións" son ridículas, pois,
ao fin e ao cabo, cada un dentro da súa aula fai o que quere. Pero o
caso é contradicir dende a oposición reiterativa. Se o estado é vermello
mira que temos teima con tentar darlle outra man de pintura azul. Zapatero
tamén practica a súa, pagándose a si propio coas virtudes do inefable
Plan E e outros máis tampouco están exentos.
Estamos na antesala do Nadal e Baltar non se vai. E di que Feijoó convén
con el en que debe seguir na poltrona "Hasta que el cuerpo aguante".
E por se algún inxenuo idealista dubidaba da perpetuidade do caciquismo
en Galicia en xeral e en Ourense moi en particular, seu fillo agarda
con ansia coller as rendas da provincia e continuar tecendo a rede de
clientelismos, nun quítate ti para pórme eu no que todo queda en familia.
A familia, ai! A familia. Esperemos, por outra banda, que non se nos
apoltrone Manuel Rivas na súa cadeira da RAG e nos continúe a besbellar
eses contos preciosos, que é o bálsamo que nos ha quedar nesta realidade
"paraxial" (Ver texto O País Paraxial desta sección) de país
galego que, por non cumprir, non cumpre nin co protocolo de Kioto.
Estamos na antesala do Nadal, iluminado con glamour e boato nas cidades
deste estado "non relixioso", e á corrupción incesante que
se nos amosa a diario con destapes de sumidoiros polos que zumega a
inmundicia da humana condición, engádese o inmovilismo do goberno central
no caso de Aminatu Haidar, que se limita a pedir o obvio para seu pobo.
Tomaramos nós ter un valor semellante á hora de reclamar o obvio para
o noso. Quizais vivir nas condicións nas que vivimos, antitéticas ás
condicións dos saharauis, calefacción central, comida abundante, roupiña
boa e diferente cada día, ADSL, ordenadores portátiles e de sobremesa,
teléfonos móbiles, hidromasaxe... non nos axude demasiado. Viviremos
os galegos entre a comodidade a apatía o dobregamento e a demagoxia?
Estamos na antesala do Nadal.
14/12/09
|