TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Vivir - deixar - vivir

Non comprendo a dificultade na comprensión da sentencia "vive e deixa vivir", que amosan os sectores ultra conservadores católicos cando se manifestan contra os novos esquemas de familia, coma se constituísen unha ameaza no seu propio esquema de home e muller. Súa cerrazón de cemento e súa falta de habilidade para situarse na pel dos demais lles impide imaxinar unha sociedade homosexual na que eles non se puideran unir ás súas parellas de amor de sempre porque un libro dixera (ou porque interpretaran que dicía) que os homes foran cos homes e as mulleres fosen con mulleres. A capacidade de empatía non naceu para estes sectores, que todo o xustifican coas interpretacións do libro que fan os doutores da Igrexa, cambiando ás veces e moi paseniño, as regras do seu "xogo" a medida que camiñan cos tempos (baste coñecer a versión orixinal dos dez mandamentos).

Hai que recoñecer que vivimos inmersos nos vestixios dunha imposición relixiosa que provén dende o ocaso dos tempos, e contra a que amosamos nosa apatía e coa que quedamos conformes con celebracións coma o Nadal ou a Semana Santa. Pero resignados a que este aparato se convertera nunha sorte de cristianismo social, vemos como as faccións máis reaccionarias perseveran tercamente nos atrancos á ciencia e na defensa irracional do dogma, e non é de recibo nunha sociedade que debería mirar cara adiante, instruíndose, e loitando por saír do bulleiro da aquiescencia a uns dogmas caducos nos que só as conciencias "aleccionadas" cren. Xa que non nos podemos subtraer a certos ambientes de relixiosidade que se marcaron a lume dende séculos, polo menos vivamos sen dogma enfermizo. Como dixo A. Pichler: sen dogma non existe relixión, senón relixiosidade. Admitamos a relixiosidade allea ao dogma sen pisar o espacio vital do veciño.

Que pouco doado é para certas persoas transixir que cada quen faga o que lle dea a gana sen transgredir as leis democráticas gobernamentais que nos rexen. Podemos entender as relixións como aparatos de perpetuidade da mansedume, pero nos tempos que vogan ninguén debería cruzar a liña que lle da forma ás liberdades individuais dos demais en nome de ningunha entidade extraordinaria, poñámoslle o nome que lle poñamos. Pois o fundamentalismo quedou nos países que aínda están na antesala dos seus procesos de desenvolvemento e haberá que agardar con paciencia (de santo?) a que todos os países se equiparen en nivel de progreso. Xa que a nós xa nos tocou o advenemento do progreso, miremos cara adiante, e o que non queira que mire cara atrás, pero que non tente persuadir a ninguén de que hai que mirar cara atrás porque senón chegará o castigo, o apocalipse, o demo na terra, a fin. Respecten aos que miran cara adiante coma nós respectamos aos que miran cara atrás.

E pese a que se observe nas nosas actitudes destas datas unha contrariedade evidente: A falta de espírito relixioso que caracteriza maioritariamente as xeracións nacidas da década dos setenta en diante (case todas educadas co xugo cristián) e o goce destas festas que se cinguen sobre nós. Hai que matizar que na meirande parte dos casos vivimos a contradicción envolvidos nun (instigados por un) determinismo social procedente dos nosos pais, e noutros casos embebidos do falso clima de recollemento e empatía que se supón se debe respirar nestes días. A publicidade fai moito e os comerciais de turrón tamén. Non é criticable que nos quedemos coa parte festiva do cristianismo e rexeitemos a parte dogmática, pois a festiva se desvirtuou abondo como para disociarse do dogma. O que non impide ás familias católicas íntegras practicantes vivir a festa coa devoción propia da relixión. Ao fin e ao cabo cada un vive como lle prace. E debería deixar vivir.



28/12/09

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad