TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Dous recordos, caciques, e pé de obra

Onte tiven un recordo.
Lembro que en meus tempos de estudiante de bacharelato tiven un compañeiro de mesa de estudio (moita mesa e pouco estudio) que era fillo de alcalde de vila galega de cuxo nome non quero lembrarme, que protestaba sempre que había eleccións porque o mandaban, como chofer dun flamante BMW, de tourné polas aldeas circundantes, para transportar aos vellos ás urnas, e acadar así a perpetuidade na poltrona (perpetuidade que dura hoxe, case quince anos despois). E por que protestaba o mozo? pois porque despois da encomenda quería, como premio ou pago, ir de festa no flamante coche, e os vellos mancharan as alfombras de merda de vaca. Os vellos mantiñan súa sopa boba e el incomodábase polos excrementos nos zapatos dos mansos votantes. Era así.

E este recordo tíveno ao contemplar nos xornais a fotografía do "manifesto de Santa Cruz", un manifesto caciquil onde oitenta e cinco alcaldes ourensáns asinaron en favor da sucesión ao trono de Baltar pai por Baltar fillo. Oitenta e cinco alcaldes para os que non me estrañaría que se fretasen autobuses (ou senón quedarán cubertos coas dietas de desprazamento), coa diferencia de que agora non hai vacas que defequen bostas magnéticas cos zapatos; que lixen as alfombras ou moqueta do autocar; que chegaría limpa como as conciencias de todos os congregados. A perpetuidade política na deputación se cingue sobre nós e se ramifica dun xeito de "ande yo caliente, ríase la gente" constatado pola fotografía "por que me vai parecer mal votar por un home sen experiencia se me beneficia seu pai?".

Onte tiven outro recordo.
Lembro varios libros que lin cando estudaba para mestre (Aprender a ser maestro, La cara oculta de la escuela...) cuxa lectura daba a sensación de teren sido escritos por persoas sen demasiada praxe docente e con moita formación académica; observadores altivos da realidade. Libros que semellaban de declamación dende un cadafalso, sen baixarse ás pistas a pé de obra a "lidar" cos rapaces e rapazas (sensación miña, reitero). Libros de manual bastante desapegados dos contextos reais de movemento, facendo máis patente a frase coñecida de que o movemento se demostra camiñando. Cando foi o momento de afrontar o temario da oposición ocorreu algo parecido, unha disonancia entre o lido e vivido, pero xa non responsabilidade dos redactores do temario nin dos formadores do proceso selectivo, senón da persoa [servidor] que vive ambas situacións (estudar temario e traballar).

E tiven tal lembranza ao ler os puntos básicos do decreto do galego, unha pelota de declaracións de [súas]intencións frouxa e mal matizada, colada nos tellados das familias, na que o galego debería ter máis protagonismo debido ao baleiro que sufriu no pasado, e no que o inglés está engadido de propaganda e pegado con celo, pero que non se queda máis ca nun texto mal redactado. Ao ver o ominoso documento deberíamos pensar na praxe, no pé de pista, nas aulas, nas rúas, nas conversas cos nosos fillos e en facer unha loita individual, en levantar o idioma coas nosas bocas, concedéndolle un pouco máis de importancia cá outra lingua cooficial, en compensación polos malos tempos que se lle fixo vivir. Porque, estou por apostar, que se o decreto vai cara adiante o idioma galego non vai retroceder, porque é noso, porque é de quen o queira falar e escoitar, e hai persoas que están pola labor. Opino que o éxito colectivo é o resultado dun esforzo individual, alén das "burrocracias".



04/01/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad