TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Educación e catástrofe

De neno amaba a H.G.Wells pola súa mente entusiasta que urdiu andrómenas e as creu. A máquina do tempo, ese cachifallo que engaiola aos lectores noveis e que aos ollos de hoxe, dentro da súa concepción naïf, acláranos que, de existir e podermos viaxar cara o presente ou futuro, sería algo así como as canles de televisión de pago con respecto á outras: máis do mesmo. Volveríamos frustrados da viaxe ao comprobar que pasado e futuro non ofrecen grandes diferencias con respecto ao presente. Pero non lembrei a Wells nestes días pola súa urdime fantástica temporal, senón por unha frase que dixera que enlaza perfectamente coa nosa actualidade local rexional nacional internacional: A civilización é cada vez máis unha carreira entre a educación e a catástrofe.

Corremos. Educación, cando faltan escasos tres días para que case douscentos mil escolares se reincorporen ás aulas protexidos polo PP contra as redes sociais cibernéticas de "feisbuc" e similares, e coa promesa do goberno socialista de repartir ordenadores portátiles a todos os nenos e nenas do quinto curso da Educación Primaria. Cómo lles teremos que dicir que non se trata de dotar de máis infraestructuras aos colexios senón de dotar de infraestructuras ás cabezas dos docentes???? Unha vez que os rapaces e rapazas se acomoden diante das mesas das aulas dos colexios de Galicia chegaralles un protocolo da Xunta para facer fronte á mediática gripe A, aínda que xa houbera pais deses nenos que cruzaron a fronteira con Portugal para mercar Tamiflu, confundindo a prevención coa paranoia. Non será algo esaxerado? Por que me lembro da frase esa que di que o que fai a lei fai a trampa? Por que lembro as empresas de antivirus programando virus? Penso que pandemia foi a peste bubónica, máis esto parece obedecer ao medo irracional nun tinglado social de demasiado benestar e esaxerada prevención (aínda así agardo non contaxiarme).

Seguimos a correr. Catástrofe, celebramos, como se houbese algo que celebrar, o aniversario da horrible segunda guerra mundial (todas son horribles). E celebrámolo cun bombardeo da OTAN en Afganistán de mans de soldados Alemáns, baixo o auspicio dos gobernantes que nos gobernan a min e mais a vostede, botando vía oral eufemismos e demagoxia. Morreron máis de cen persoas, e logo América se incomoda pola foto dun marine agonizante. Nun mundo en xeral que sempre está en guerra, nunha Europa en particular que só descansou uns bocaños do século XX. Maldita humanidade. Maldita, que se lucra da catástrofe, pois son innúmeras as ficcións que xurdiron ao abeiro da guerra aquela, ou o fato de historias que se venderon por culpa do asasinato e a tortura de millóns de xudeus. Porque a humanidade dicta que a paz non vende. Vendemos de todo, oiga, pero se é escabroso, sanguento e inhumano, vendemos máis. Catástrofe implica venta. E hoxe hai dous por un.

Corremos e suamos. Vender. Imos a Galicia, que ao parecer salvou a tempada turística grazas aos visitantes nacionais a Santiago, esa peregrinación invento agudísimo e crematístico guindado ao mundo polo bispo Xelmírez. Nesta nosa Galicia que chora, onde todas as cores políticas practican o innobre deporte do enchufismo ­catástrofe-, como se constatou co vinte por cento das contratacións na época bipartita, dándonos a ver que o Consorcio non é só un grupo de canción lixeira. Wells levaba razón, corremos entre a educación e a catástrofe pero o que non nos dixo é que facemos escalas involuntarias e incómodas nas estacións do interese e da plusvalía onde nos poñen paos nos ollos para non poder pechalos. Gustaría de quedar perpetuamente na beira da educación, non deixar que me poñan eses paos indecentes e pechar os ollos. Báixome aquí. E vostedes?


07/09/09

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad