TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

O decreto dos seus ollos

Esta década que comeza testemuña o desprezo que este goberno galego parece sentir pola lingua da terra; esta lingua que realmente deberíamos perpetuar os falantes alleos á burocracia do decreto, que non é máis cá un plaxio ao setenta por cento do escrito durante o goberno bipartito no 2007, mentres o trinta por cento cambiado quizais revele unhas intencións centralistas de Feijoó coa equívoca linguaxe do multilingüismo, nunha identidade lingüística que ten outras carencias; afectivas principalmente.

Suxerir a implantación dunha docencia en lingua inglesa sen saber se existe unha infraestrutura eficaz para a tarefa é case como renegar dun fillo durante uns anos escuros e, finalmente, recoñecelo entre dentes pero, no canto de recobrar con vivencias e afecto o tempo perdido, agasallalo con roupa bonita para que unha galería ­que ás veces nin mira- diga o moito que cambiou ese fillo dende que se reatopou co seu pai. Suxerir a implantación desa docencia non é o máis axeitado para unha lingua propia que merece máis atención, e aínda menos axeitado é "delegar", co falso verniz da democracia, esa implantación nuns pais quizais alleos á conveniencia lingüística do idioma propio.

Por outra banda, darlle tanta importancia escolar a unha lingua estranxeira como ás linguas propias é coma se unha persoa con competencias insuficientes nun idioma matricúlase para aprender un idioma novo. Coma se un tal Manolo, madrileño con competencias escasas en inglés, se matriculase de lingua alemá na escola de idiomas da súa vila, cando o menos axeitado para Manolo é pórse cunha lingua nova cando ten o bilingüismo moi mal traballado. Algo similar que cos nosos nenos e nenas que, como Manolo, deben adquiriren primeiro plenas competencias nas dúas linguas do país antes de afrontar á aprendizaxe dunha terceira lingua.

E esta aprendizaxe comeza dende os cursos máis baixos da Educación Infantil, tan indefensa agora se o decreto prospera. Porque non é bo para o galego a elección da lingua para comunicarse cos cativos en función da lingua materna dunha maioría pois, se se trata dun centro nunha cidade, probablemente esa lingua materna sexa o castelán, confinando o galego aos colexios dos concellos do rural que, por riba, morren a un ritmo preocupante, levándonos a ver que probablemente a pervivencia da nosa lingua estea nas bocas dos falantes. É que aínda que se decretara, coma antes, unha equidade na lingua de transmisión das materias, o galego non se soe falar se o contexto social non o pide, e a sociedade galega está moi bombardeada por estímulos en castelán en detrimento dunhas canles de televisión propias insuficientes, e por uns antigos complexos [de inferioridade] que habitan o inconsciente de moitos que non axudan a que a lingua ceibe e [re]cobre a vida que merece. Por iso está nas nosas bocas.



11/01/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad