TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Xardín de infa[mia]ncia

Nota preliminar: no mundo en xeral e no noso xardín de infancia en particular existen honrosas excepcións a canto se menciona no texto que van ler. Non vexan dogma senón perspectiva ou posibilidade.

Pena me deu dende que a razón me asediou a interacción coas persoas que se pensan subidas a un cadafalso de perpetua razón irrevogable. Homes e mulleres catedráticos en todas as disciplinas da vida que "saben de todo" e que non dubidan en malgobernar as súas propias existencias e bengobernar as nosas. Seres cuxa limitación dogmática os converte en nenos e nenas no limbo fronteirizo entre a adolescencia e a idade adulta, aínda que seus reloxos cronolóxicos camiñen e camiñen. Descreo dos que din que a orde psicolóxica do ser humano pasa pola infancia, a idade adulta e a senectude; e que a senectude é a segunda infancia. Eu razoo, e conclúo que todos somos nenos e nenas, pero algún ademais deso é parvo e caprichoso (hainos incluso co síndrome do pequeno ditador tendo cincuenta anos cronolóxicos), e que a nosa misión é evitar en todo intre converternos nun deses nenos parvos. Como? pois tentando ser nenas e nenos creativos; enfocando o torrente enerxético na construción e non en envolvernos nun fado de inercia que só atraia comportamentos maleducados como a envexa e a cobiza, que nos levarían á destrución. Actitudes infantís que chegan ás máis altas esferas do poder producindo estrepitosos fracasos da intelixencia.

Quizais o motivo sexa que madura diante o corpo que a mente e, unha vez madurado o corpo, consideramos máis axeitado o camiño do goce e pracer e deleite que o camiño da evolución persoal, nun país este, no que vivimos, que loa os privilexios (aínda) e os dereitos, deixando algo de lado as obrigas, envoltos nuns medios de comunicación que establecen como a actitude máis intelixente o vivir cos máximos ingresos económicos e o mínimo traballo. ( -que choio colega!!!!) Pero de onde sacaríamos ese modelo de comportamento? Sóalles algo a expresión xeral vivir a corpo de rei? E a palabra particular monarquía?. Quizais vimos escaldados dunha época histórica, non tan antiga, na que un ditador nos dicía o que tiñamos que facer e pensar en todo intre e que agora, sen o visible ditado de ninguén, acatamos inconscientemente o ditado da publicidade e doutros medios uniformadores e, como hai moitos nenos e nenas parvos e parvas, rexeitan todo aquilo que non siga a mesma liña que seguimos nós e "anóxanse" con todos os que pensen pola súa conta dun xeito distinto e fagan uso dun pensamento autónomo en detrimento do seu heterónomo único, conxurándose contra o distinto.

Quizais inflúan os comportamentos familiares endogámicos que inventan normas de conduta baseadas moitas veces (cantas!) nos dous motivos anteriores, convertendo aos que nos permitimos o buscar a tranquilidade a través do razoamento nos malos do xardín de infancia; nos proscritos, incorrectos, ousados, censurables, incómodos, terribles ou demoníacos. Mentres o neno do xardín de infancia tamén aspira ao que non ten; a ferver coas ansias de acadar o que acadou o veciño, pero sendo raros os casos nos que a persoa loite por esa posición ou designio. Por qué? pois supoño que porque, inconscientemente, a persoa sabe que no caso de acadar o que ten o veciño deseguida amosaría un degoro esaxerado por posuír o que ten outro veciño. O caso é envexar. Descreo dos que defenden a existencia da envexa sa; iso non existe, é unha contradición; un oxímoro: envexa sa? As persoas sas, os nenos e nenas creativos do xardín de infancia, non coñecen a envexa.

Casuística imparable, coma sempre. O san busca a enfermidade para chamar a atención das outras persoas, do enfermo non dicimos nada, é respectable. O que come carne envexa ao que come peixe, o que ten unha parella alta e forte devece pola parella baixiña e delgada do veciño. O que merca o obxecto grande sempre se pregunta por qué non mercou o obxecto pequeno, como fixo a señora que vive na porta do lado. O que vive no primeiro A pregúntase por qué non alugaría o primeiro B, ou o C, D, E ou F. Causas? sobre abundancia quizais. Vai ser certo o dito de que o que de todo ten de todo quere. Carestía tamén. O que envexa a intelixencia da veciña tena clara. Equilibrio? Sí, iso é o desexable, convertámonos en funambulistas equilibrados, por favor. Sexamos os nenos e nenas creativos e equilibrados do xardín de infancia para que deixe de ser un noxento xardín de infamia.



18/01/10


No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad