|
Tres
"armas" cambiarían o mundo
Sóese dicir que os que aportan súas perspectivas vitais mediante
escritos a través da internet son persoas das que critican
sen ánimo de aportar solucións para os problemas que expresan;
que moitas veces van con intención de derribo, de desmontar,
de descualificar e non aportar ren. Empregando o medio virtual
como en países como China, para difundir información deliberadamente
mal contrastada para lograr turbios fins. Pero tendo en conta
o ofensivas que chegan a ser as xeneralizacións, tentaremos
crebar unha lanza en favor dos que si escriben dun xeito máis
ou menos constructivo, aportando ideas ao respecto. Ao respecto
de que? Pois de: CAMBIAR O MUNDO. É un ansia esta, que aparece
a cotío ao testemuñar (de xeito parcial a través do televisor)
a situación mundial en todos e cada un dos seus niveis, se
é que os hai e non se reduce todo a unha situación global
susceptible dun cambio necesario. Conflictos raciais, dereitos
humanos vulnerados, catástrofes que deixan ao aire as carencias
infraestructurais de países aínda subdesenvolvidos (suposto
ano 2010). Globalización esaxerada, propiedade privada e ansia
por abarcar capital. Ignorancia supina, ínfulas de notoriedade;
aspectos tan humanos perpetuados ao longo desta historia non
tan longa, que nos lembra noso deber de cambiar o mundo.
Lamentablemente non existe unha vacina para o mundo, unha
panacea inmediata ou unha operación cirúrxica a corazón aberto
que en cuestión de días converta á bóla mandarina en racional
e equilibrada. Tampouco se trata de emitir mensaxes grandilocuentes
dende altofalantes ciclópeos instalados na estratosfera; mensaxes
de persuasión. Porque, lamentablemente, moitos humanos algúns
responsables de moitos máis humanos- non queren aprender nada
novo, senón que lles lembren o ³moito² que saben. Entón o
asunto do cambio parece máis cuestión de esgrimir individualmente,
sen alardes, dúas ³armas² moi especiais: autocrítica e forza
de vontade. Pois con forza de vontade e autocrítica un humano
se volve máis persoa, entrando así nunha inutilidade necesaria
da que xa falara Horkheimer tempo hai, que dicía, grosso modo,
que unha soa persoa pode facer pouco polo mundo, pero peor
sería que non fixese nin sequera pouco.
Porque se o que posúe autocrítica e forza de vontade actúa,
cambiará o mundo. Cambiará o mundo o inimigo da inacción,
e logo só hai que agardar sen desespero a que actúe o efecto
contaxio, tendo claro que ninguén é máis cá ninguén, para
ir vendo paseniño polos tempos dos tempos como se extinguen
as realezas, aristocracias e avoengos, como a nosa forza de
vontade se transforma en tenacidade e a nosa autocrítica nos
pule os egoísmos, xenreiras e parvadas que non conducen a
ningures, como moito ao camiño circular, á inacción. E na
inacción está o mundo hoxe, pero o pouco que se faga a nivel
persoal quizais cambie co tempo. Si. Faltaba unha ³arma² que
non mencionei. Menciónoa agora: ESPERANZA.
25/01/10
 |
|