|
Nós
os tolemaicos
Teño dúbidas de se a meirande parte dos políticos cren as
frases que din nos seus mitins e comparecencias. Agardemos
que non, que todo sexa parte dun plan por facerse co ansiado
e larpeiro voto, para perpetuarse no larpeiro e ansiado poder.
Porque, de non ser así, deberíamos preocuparnos por estar
rexidos por persoas coas facultades mentais mirradas. Esta
reflexión xorde tras testemuñar o "resultado" das
votacións para a presidencia da Deputación de Ourense no que
Baltar II perpetuará unha dinastía que parece estenderse,
salvando as distancias, coma a dos Tolomeos en Alexanddría,
e na que se dixeron e se escoitaron frases que, de non ser
cridas polos emisores (Baltar I e Baltar II) e polos exaltados
receptores, nos levarían a unha sentencia que un día dixera
o escritor británico afincado en Galicia, George E. Vault:
O feito de que descoñezas o significado da palabra demagoxia
non xustifica que incorras nela de xeito contumaz.
Outra hipótese sobre as sentencia pronunciadas por [algúns]
políticos é que a persoa si coñeza o significado da palabra
demagoxia pero non diga as verdades completamente, deixando
para seu foro interior a segunda parte do que si se dixo en
alta voz. Así o político demostra non ter perturbadas súas
facultades mentais e non di completamente a verdade para acadar
seus fins. Deste xeito: Baltar I dixit: altofalante
"Débovos todo o que son" (mentalmente: vós debédesme
todos os favores que vos fixen). "...vanse ir convencidos
de que aquí as cousas fanse como hai que facelas" (mentalmente:
conminando aos meu compromisarios a devolverme todos os favores
apoiando a Baltar II). "Por separado non somos nada"
(mentalmente: claro, estamos presos na enorme e hábil rede
de influencias e clientelismos tecidos por meu baltarismo
dende o ocaso de Victorino). "Somos un partido de leais,
de xente que non dubida e non sementa dúbidas..." (mentalmente:
porque me debedes postos de traballo, axudas económicas e
outros favores). "En Ourense pensamos o que dicimos e
dicimos o que pensamos..." (mentalmente: sobre todo os
favorecidos por min). Baltar II dixit: altofalante
"Ninguén pode poñer vetos á democracia" (mentalmente:
democracia do PP de Ourense, enténdase). "Un partido
unido onde haxa sitio para todos..." (mentalmente: menos
para os defensores de Jiménez Morán). "Un exemplo de
democracia interna" (mentalmente: na que os compromisarios
votaron "libremente" sen poderse subtraer da cadea
de favores).
Alguén dixo algunha vez que o ser humano na ausencia de tres
comidas quentes diarias é quen de facer calquera cousa, ate
de converterse en lobo. E, como idea, poderíamos substituír
tres comidas por quentura, privilexios, avoengos, rendas,
ou mesmo postos de traballo. E no caso de Ourense esta ansia
por conservar un modo de vida e un nivel económico sen ter
que coller as maletas e coñecer mundo por outras latitudes,
fai que se conserve este grande exemplo de caciquismo indemne
que ate quedou lexitimado polo presidente da Xunta. Abraiante.
02/02/10
 |
|