|
A
máscara da vida [endo] grupal
Son natural dunha das seis cidades Galegas da nosa comunidade de certa
desunión: Ourense. Se se me consinte unha licencia á estereotipia, Ourense
caciquil dos populares, onde, por intoxicación, vaias onde vaias che
meten na saca, aínda que teñas as ideas cara outra beira. Logo está
Vigo obreiro belixerante que ten que ver con Ourense en que da de comer
a moitos ourensáns. Coruña democrática de alcalde galeguista, que se
relaciona con Ourense por un chisco de emigración doutras décadas. Santiago
mansa, berce do poder, onde o supremo [des]facedor é de Ourense. Pontevedra
e Lugo amósanse algo anónimas nesta NON unidade que lembra aos monólogos
colectivos dos cativos cando comezan a falar e están xuntos nas garderías
e escolas infantís. Cada un fala do seu e non hai vontade de coloquio,
quizais por egoísmo, acaso por descoñecemento.
O que si temos en común todas as cidades de Galicia é o Entroido. Ourense
celebra nestes días o paroxismo dos entroidos peculiares de Verín, Laza,
Xinzo de Limia, Maceda, Viana, Vilariño de Conso, Sarreaus, Allariz...
englobados nun só nome que concita á festa: O ENTROIDO, e no que NON
converxen os paradigmas da festa en cada lugar de Ourense, pois peliqueiros,
cigarróns, pantallas ou boteiros, realzan anualmente a importancia antropolóxica
e tradicional da festa pero cada un no seu sitio, e nunca veremos a
un cigarrón correr ao carón dun boteiro, coma se de Alien Vs Predator
se tratara (perdóeseme o símil). Cada sitio ourensán ten seu enorme
baile de máscaras ao que, de xeito hedonista, se une en menor medida
o resto de Galicia, e timidamente algunhas zonas da península. Pero
son festas propias de cada un, en lugares concretos.
Quedémonos agora con dúas ideas: a do primeiro parágrafo en relación
aos monólogos colectivos dos meniños, e a do segundo parágrafo en relación
aos entroidos propios de cada lugar e nunca mesturados. Pois cabe a
posibilidade de que o partido do goberno central e o da oposición non
se poñan de acordo nesta crise que nos abafa por un asunto biolóxico
de cerrazón, coma os meniños, ou por un asunto da mentalidade de España,
coma os entroidos de grupos pechados, pois, reitero, vexo tan difícil
un pacto entre as esquerdas e as dereitas como un pacto entre Verín,
Laza, Xinzo, Maceda e Viana para facer un Entroido central. E como lle
dixo, grosso modo, o partido Popular ao partido Socialista: se queres
que che diga como se fai, vale. Senón quítate ti para poñerme eu, todos
poderíamos imaxinar disputas parecidas (aínda que afortunadamente inocuas)
entre cigarróns e peliqueiros.
E mentres vostedes tentan asimilar esta comparanza delirante entre meniños,
disfraces e pactos de grande envergadura, seguiremos danzando tras nosas
máscaras ao son da realidade, exorcizando nosos demos, esquecendo barbaridades
coma a ofensiva no sur de Afganistan no nome da ONU, testemuñando un
novo caso de corrupción por semana, ou rindo de Roldan, que logo sairá
do cárcere cun tesouro de máis de dez millóns de euros soterrado en
algures. Bailemos, brinquemos e bebamos que, a este paso, é o que nos
queda.
15/02/10
 |
|