TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

O código Pondal e a Terra Meiga

Nestes tempos de vertixe e presa, cando semella que está todo copiado; cando súper abundan os libros ben encadernados, aos que algúns chaman literatura, que repiten ate o fastío tópicos patróns baseados en clixés de clixés baixo títulos superpostos con papel de calco: O enigma Poe, A festa de Orfeo, O misterio Copérnico, A intriga Kipling... parecemos andar a vivir, nesta nosa Galicia, no contexto dunha desas obras. Presos das páxinas dunha mala novela da que non nos queremos imaxinar un final previsible.

Somos os habitantes da Terra Meiga, e empregamos para nos expresar un código dos nosos devanceiros. Un código que nos representa como nación (no senso de nacer) e nos deu pábulo para unha manchea de tradicións exclusivas de noso. Un código cuxa importancia foi posta en tela de xuízo por un antagónico (se queren) chamado Feijoó, cun papiro decretal (O papiro F) que regulaba o uso do código na Terra Meiga. Papiro que seus asociados recriminaron e seus disociados recriminamos por irreverencia, inconsistencia e incongruencia (entre outras cousas) e que agora é sometido a cambios collidos polos pelos, previsibles. Onde dixen digo digo Diego. Nun xogo onde se confunden os principais e os antagónicos, porque queremos ser principais en detrimento dos demais, que son antagónicos. Pero hai que saber que todo o que atente contra o noso código é antagónico.

Por outra banda, cando na Terra Media se disputaba un anel, na terra Meiga se disputa unha sorte de caixa máxica global; unha caixa de Pandora que as principais zonas territoriais da Terra Meiga queren ter, contendendo para elo o cabaleiro Caballero co cabaleiro Losada pola tenencia e disposición de tan prezado tesouro, establecendo parangóns da cantidade de moedas de ouro que é quen de amorear cada un dos dous núcleos de poboación que representan estes cabaleiros.

-A caixa ha vir a Uvicus ou invocarei ás hordas infernais!!!! ­berrou Caballero.

-A caixa ha vir a Cruña ou invocarei ás hordas infernais e aos seus primos...!!!! ­replicou Losada.

O como non hai boa novela comercial sen Templarios, o Temple semella reorganizarse na provincia de Ourense, coa admisión do alcalde de Beade como ínclito cabaleiro templario da orde do Temple, coa excepción de que as únicas cruzadas que libran agora son as loitas contra o paso do tempo, algunha actividade xustificativa, algunha outra gastronómica, e algunha solidaria, que son horas de lavar a imaxe do templario de tempos pretéritos. Porque mentres nos entreteñamos con estas ficcións baratas esqueceramos a exportación da enerxía, a falta de infraestruturas, o caciquismo lacerante, o sen vivir dos labregos e gandeiros, e en definitiva, o que si deberíamos ler: literatura de peso e ideas. Ideas para manter o peso de Galicia.



22/02/10

©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad