|
A
laranxa cibernética
Esta fin de semana na que Galicia testemuñou nas súas carnes a Xynthia,
facéndonos sentir por intres (cóxegas) os azoutes que a natureza dera
en Nova Orleans, Haití, Madeira, ChileŠ recibín un correo electrónico
que traía un vídeo adxunto ultra violento, de gratuíta violencia, que,
salvo os primeiros segundos refusei ver. Non é a primeira vez que recibo
correos que traen múltiples destinatarios e vídeos adxuntos, e cando
preguntas á persoa que cho enviou procedencia e intención obtés a resposta:
é que a min enviáronmo. Hai que ver como chegamos a banalizar a violencia
e o rápido que se propaga esta gratuidade, que nada aporta, na Internet.
O terrorífico é pensar que haxa persoas que atopen solaz en ver en vídeo
as imaxes morbosas dun accidente de tráfico, dun conflito bélico ou
dunha catástrofe natural.
Parece que o código ético nos medios de comunicación masivos (prensa
e televisión) que hai anos estaba relaxado, pois non era raro que saíran
en primeira páxina de xornais fotografías de accidentes con vítimas
mortas presas na ferralla, e tamén segue a estar relaxado agora en moitos
países de Sudamérica, ten na internet a súa máxima expresión de lasitude,
sen aportar absolutamente nada, alimentando o morbo e adormecendo nosa
capacidade de reacción. Non é de recibo que aparezan eses contidos na
internet, pero estamos en democracia, pero non hai que me negue que
as persoas que busquen ese tipo de contidos na rede teñen un problema,
ou queren demostrar o moi curtidos que están como persoas ou súas mentes
están a entrar no páramo da psicopatía. Sexa como sexa están a confundir,
sen dúbida, a información co morbo.
Logo, dentro do suposto código ético, fíltranse imaxes sen violencia
física pero con violencia verbal que non aportan absolutamente nada
e que tamén alimentan o morbo: o individuo que instou aos espectadores
do pendello da Eurovisión a que degustaran súas partes pudendas, a señora
Rosa Díez establecendo un parangón pexorativo entre o presidente do
goberno e nós, os insultos mutuos dos "contertulios" dos programas
alimentados de prensa rosa, nosa realidade cutre expresada a través
de imaxes... Quen sabe se a sobreexposición a estas imaxes ³legais²
a través do ordenador non nos fai desexar ver cousas alén do aturable,
onde a condición humana se vexa vulnerada ou os dereitos fundamentais
crebados. Agardemos que non, que todo isto forme parte dun progreso.
Eduquémonos, pois, para que noso sentido común nos faga discernir entre
o que debemos ver e o que non.
01/03/10
 |
|