TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

O plasma de Pandora

Por moito que o aparato de televisión cambiara súa aparencia exterior, pasando de ser unha caixa a ser un cadro, non cambiou demasiado no obxecto dos seus contidos. Pois cando antes aparvaba, agora anestesia. Quixera comentar este asunto sen caer na reiterada crítica que nada aporta ou que no mellor dos casos avoga por unha fiscalización dos contidos que se emiten. Non é isto un discurso antitelevisivo. Nada máis lonxe; prohibido prohibir en democracia. A solución do adormecemento e a proliferación de contidos banais quizais estea máis abaixo, na raizame educativa dos espectadores. Así pois, pode ser que esas pantallas planas que hoxe adornan nosos salóns non sexan máis ca espellos nos que as persoas que danzan, actúan, braman ou interpelan son reflexos de nós mesmos.

Quizais o sentido crítico para saber o que nos convén consumir da televisión estea nas lecturas. E pais que non len soen ser fillos que non len. Os fillos fanse grandes, forman súas familias e perpetuámonos así. Comprendo que a sociedade non está montada para consentir que os cidadáns concilien súas vidas laborais coas súas vidas intelectuais (sobre todo cando nin sequera hai vida laboral) porque unha sociedade crítica dá problemas, pero quizais sexa ese un asunto de forza de vontade, de tentar cambiar algo. Un cambio individual daría un resultado colectivo que co tempo faría aos empresarios das televisión cambiar os contidos por descubrir que xa non somos os adurmiñados que senten simpatía por Belén Esteban, senón que buscamos algo que nos enriqueza como persoas e que axude a educar aos nosos fillos. Que cambiamos, porque no canto de deixármonos hipnotizar por reality shows que nada aportan sentimos a necesidade de cambiar de canle, buscando alternativas.



08/03/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad