|
Tigres
e Leóns desandando cara o Desván dos Monxes
Estamos tan afeitos a considerar a política como un sentimento de pertenza
a un grupo pechado, no canto de unha unión de forzas para acadar o ben
común, que feitos como o transfuguismo do número dous do PSOE ourensán
nos zorregou nos fociños de xeito abraiante. E non foi de recibo, e
non estivo ético porque, entre outros motivos, o ideario político da
esquerda é antitético ao ideario político da dereita como para servir
igualmente para unha beirarrúa como para a outra. Pero estes feitos
nos demostran o feble que é a liña que separa dous dos partidos políticos
máis importantes e nos fai reflexionar de se realmente seus subscritores
coñecen os fundamentos do partido ao que representan. Ou iso ou que
son tan preocupados polo pobo que non dubidan en dobregar seus ideais
ao servizo das demandas da sociedade. Sexa como for, semella ambiente
que a impunidade baltariana alcanza cotas de escándalo.
Quizáis ese sentimento de pertenza a grupos pechados sexa o que bota
a azuis e vermellos a intercambiar diatribas e improperios e impide
un pacto interpartidos para arrostrar o asunto da crise. A seguir a
solfa de ESTO LO ARREGLAMOS ENTRE TODOS. Limitándose a intercambiar
cargas de profundidade que derroquen ao contrario. O mesmo sentimento
de pertenza exclusivista que provoca diferenzas irreconciliables nestes
dous partidos máis grandes, coma se de seareiros de dous equipos de
fútbol se tratara, ou dos tigres e leóns daquel programa infantil que
conducía Torrebruno.
Por outra banda o asunto de Sobrado dos Monxes co conselleiro os avisa
da monumental aberración que suporía a introdución dunha terceira lingua
cando se manexan tan mal, a un nivel tan alto de responsabilidade, as
dúas linguas cooficiais. Aprendamos ben o galego (que é nosa identidade),
logo o castelán (que é cooficial co galego), logo o inglés (que é lingua
franca), portugués, italiano, alemán, ou as que nosa inquedanza intelectual
requira, nunha aprehensión lingüística que vaia dende dentro cara fóra
nunha sociedade nas que algúns sufrimos de nenos a decisión dos nosos
pais de renegar do galego en beneficio do castelán nunha época de represión
e complexos. Non poderíamos consentir que os pais do novo milenio cometan
os mesmos erros. E sen embargo preténdese pedirlles que decidan o idioma
das materias que cursarán seus fillos e fillas. E por se fora pouca
a mágoa, vemos namentres que o rural (onde se emprega o galego con máis
forza) está minguando a ritmo de vertixe coa cifra de espoboación máis
alta de Europa. Todo adobiado coa xordeira de educación ante as críticas
ao decreto. Desandamos.
15/03/10
 |
|