|
Elevacións encol do corredor de cristal
Nin
Colón descubriu América
nin vostede posúe a verdade
nin a pluma é infalible.
Georgia Sputok
Dende miña ocupación vital número dous, a educación, síntome mal por
certos comentarios na prensa ou na política (ou política e prensa, política
de prensa, prensa política) sobre a catadura moral das novas xeracións.
Eses seres demasiado novos para seren homes e mulleres e demasiado vellos
para seren nenos e nenas. Eses habitantes do limbo. Eses mesmos adultos
en portas que "cargaron" contra a policía en Pozuelo por problemas
espirituosos de rúa. Os mesmos novos que acoden aos máis de trinta botellóns
que se fan cada fin de semana en Galicia, sen parármonos un intre a
pensar que o comportamento dunha masa humana difire moitísimo do comportamento
individual e dos caracteres de cada un deses individuos, nunha idade
desacougante (lembremos noso paso pola adolescencia, o corredor de cristal)
onde se forma a auto imaxe, implicando deixarse levar polo grupo para
seren aceptados. Nesa crise de integración onde se fan as máis parvas
parvadas xa se albisca a catadura moral individual e pódolles asegurar,
dende miña ocupación e meus escasos oito anos de servizo, que a xuventude
en xeral posúe unha creatividade que xa a quixeran para si os actores
da farándula política e algún columnista de xornal de gran tirada, e
uns valores que seguramente se afasten da dobre moral dalgún outro que
dá a cara nos medios. Conveño en parte cos que din que todo se debe
a un problema de educación, ao fracaso do sacrificio en favor dun hedonismo
cómodo, pero non penso que habitemos demoníacos tempos de progreso amoral
porque, simplemente, nos movemos con el (co tempo).
Conveño só en parte porque a educación que reciban os novos no fogar
non é unha pílula efervescente que lles vaia garantir ser cidadáns de
primeira categoría. É cuestión de paciencia e tempo, cousas que o ritmo
social dos adultos non consinte, nun presente montado por adultos nunha
viaxe frenética cara ningures. Pero se cada un individualmente tentara
ocuparse de "habituar" aos seus gromos dende o día que nacen,
quizás estivesen preparados, ao chegares aos dezaoito anos, para tomar
dúas copas e botar botella e vasos de plástico nunha papeleira. Non
todo ten unha concreta atribución demonizable, non sexamos dogmáticos.
Conveño a medias porque o hedonismo cómodo é unha opción, unha opción
cómoda, a primeira saída; a doada. Unha opción á que é difícil subtraerse
porque o mundo mass media dos adultos postula o éxito rápido e sen esforzo,
algo que os novos subscriben nas cacerías audiovisuais porque llo meten
polos ollos. Envía GUAY al 5455. Nunha sociedade na que tremelican "democraticamente"
a liberdade de expresión, os medios de comunicación ultra audiovisuais,
o consumismo exacerbado, os políticos máis mediocres, a moralina, a
variedade multicultural e a máis supina ignorancia.
Ademais pode que os educadores domésticos non sexan os máis rexos coñecedores
dos vieiros pedagóxicos e os descendentes medren cun monllo de virtudes
inoculadas por uns avós ou tíos ou mestres. Pode ser que Leire Pajín
e súa nai non se parezan en nada ou que non mamara nada dela, e incluso
que se leven mal (Leire Pajín impórtame ben pouco). O terapéutico é
buscar sempre os tres pés ao manso gato das cousas que veñen dadas.
BOTELLÓN = MALO, JUVENTUD = MALA. Non tan doado. Precisamos un mínimo
de engrenaxe neuronal e asociación de ideas. Creatividade. Motivación
osíxeno. Que falta fai!! Motivemos aos novos con creatividade nesta
nosa sociedade de setembro do 2009 na que se elevan varias cousas: os
puños, o paro, os impostos, o mutismo cara os países mudos, o abraio
cara o goberno galego á hora de decidir en beneficio dunha empresa en
lugar de decidir en beneficio dos galegos (vostedes non saben que somos
gobernados por un partido de dereita???). Se elevan o número de opositores
ao funcionariado de Galicia, os galegos que estamos en contra do vacuo
monstro do Gaiás, o grao de equivocación dos que din que cousas como
as de Pozuelo só pasan en España cando unhas hordas de gandulos que
queren que lles digan de extrema esquerda veñen de montar a Traviata
na Alemaña, o grao de inexactitude dos que din que a culpa do botellón
téñena os pais porque se fixeron colegas dos seus fillos, o desprezo
polo profesorado por parte do sistema que bota balóns fóra, e, en definitiva,
a ansiedade coa que medran nosos fillos pola nosa culpa, que somos a
proxenie e os artífices desta sociedade.
14/09/09
 |
|