|
A
extraña tranquilidade damocleciana
Quen non lembra aquelas escenas de augas mansas previas á aparición
do grande problema que era o escualo ou quenlla infernal naquela película
de Spielberg e en todas as da saga e súas imitacións? Pois algo así
se puido sentir na nosa Galicia nesta ponte do San Xosé coa celebración
comercial inherente do chamado día do pai. A mesma sensación que supoño
se sentirá nos países tropicais cando a auga do mar se retrae en exceso
para, instantes despois, facer uso do seu poder de destrución traendo
un problema enorme.
Síntese en Galicia unha calma aparente de solaz e asueto pero sen conseguir
esquecer que o problema lingüístico do decreto ese pende sobre nós como
unha espada de Damocles que ameaza con facernos perder nosa identidade.
Temerosos de que a crina de cabalo que sostén a espada non ature moito
máis tempo, agardamos tomando o pouco sol que se nos ofrece. Agardando.
Agardando que a crina rompa polo peso da espada ou que o goberno inauténtico
dos galegos (que non goberno galego) lle dea un corte abrupto, porque
pensa, na súa convicción centralista, que ese decreto mal redactado
e galeguicida é o mellor para Galicia, como tamén pensaba que o Xacobeo
sería a panacea contra o mal económico da comunidade.
Síntese a mesma calma no resto do territorio español mentres resoan
ecos de ridiculez gubernamental polo asunto de bombeiro dos bombeiros
confundidos con membros da ETA, ecos tamén de ridiculez penal coa saída
do caldeiro dun dos ladróns de gravata máis grandes da historia de España
que, para máis dolo, ten os cartos agochados nunha fochanca secreta.
Aspectos estes que nos fan pensar que estas (chamémolas) impunidades
poden ser caldo de cultivo de calquera cousa nas nosas terras. Tanto
do xusto coma do inxusto; do desexable coma o indesexable. De aí a nosa
calma rara. En calquera momento pode ocorrer algo que atente contra
o sentido común.
22/03/10
 |
|