|
Cultura
contra o ataque das novas malas
Considero precisa a aparición e proliferación de publicacións dixitais
e blogues que so difunden noticias boas pois, obviando que as noticias
boas para uns poden ser malas para outros e viceversa, os xornais en
particular e os medios en xeral tocaron fondo e teito nestes días, chegando
ao fastío do aturable nas súas informacións (e teñamos en conta a moita
información que se nos agocha ou é transmitida de xeito capcioso). A
saber: Pederastia na igrexa que ao Ratzinger tanto lle custa admitir
e desculpar e obrar ao respecto, de tal xeito que vostede non pode ter
pensamentos nin desexos impuros pero algún deles xa se cobra en carne
de efebo para deixar de sentilos. Mentres na catedral de Santiago se
gastarán 15.000 euros en quitar as estadas do interior da catedral co
gallo da visita papal, para que quede unha foto ben bonita. É que o
fondo parece importar nada e a superficie moito. Que sería deles sen
ornamentos e boatos?
Por outra banda, corrupción abafante nas illas pola lonxitude das mans
de Matas, deixando de manifesto que as corruptelas neste país ocupan
máis superficie do que nos poidamos imaxinar. Preferible é non pensalo.
Pero o caso do Reino Unido nos avisa de que non é unha exclusividade
nacional. Por outra beira agora si podemos afirmar que a crise zorrega,
pero o presidente Zapatero achaca a debilidade ás quenllas internacionais
que rodean nosa economía. Mentres, no lado escuro, a senrazón e a barbarie
matan a persoas e persoas en nome da liberdade, ou Alá ou Shiva ou os
cartos e o poder, ou todo. Tamén anoxan os falsos sentimentos de posesión
que botan a tantas mulleres a morrer por violencia de xénero machista
(de xénero machista).
Se suprimiramos da prensa estas perolas negras só nos quedarían as follas
de cultura, as deportivas non porque o nivel competitivo de deporte
calquera fai que as victorias duns sexan boas só para uns e, consecuentemente,
malas para outros (os que perden). E con esa cultura quizais, sinxela
e extensamente, asimilada, non encheríamos tantas páxinas de crónica
negra e novas enzoufadas en cobizas, ansias materiais e desexos non
reprimidos. A cultura non se consigue lendo os suplementos culturais
de publicación ren, pero quen nos di se esa CULTURA non sería a solución
dende o berce? Nese caso a solución só estaría nas nosas mans. A educación
ceda imprimiría co tempo páxinas positivas nos xornais. A cultura é
creación (creatividade); o que precisa este mundo.
30/03/10
 |
|