TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

Gurgullas de osíxeno

A culminación do paso definitivo á televisión dixital terrestre coincidiu cos caireis, fanais, penachos, procesións e cheiro a incenso das celebracións de Semana Santa (ás que sabiamente a clase política non asiste, polo menos na Auria). Uns rituais aos que non é doado subtraerse, e que en lugares non moi afastados como Andalucía (entre outros) son vividas ate un paroxismo de suxestión psicolóxica que converte ateísmo e agnosticismo nunha mansedume que se fai a constante pregunta de cómo semellantes rituais poden congregar a tanta humanidade prosternada.

A culminación do paso definitivo á televisión dixital terrestre coincide coa barbarie, sen razón e fundamentalismo de índole calquera, incluso, se se quere, o integrismo pacífico das procesións da Santa Semana. Coincide coas medias verdades de índole política, os atrancos á xustiza, coa disparidade de criterios e opinións e pareceres e escasas conivencias e empatías. Coincide, e permítenos ver con claridade dixital, horrorosos sucesos como que unha adolescente de catorce anos acabe coa vida de outra. Coincide co tráfico de armas como negocio máis lucrativo do mundo todo, co descubrimento do heroe Neira, co devir de asfalto do progreso infraestrutural para, en ocasións, facer servicio a viaxeiros cara ningures. Pausas pixeladas de imaxe imperfecta nos televisores adaptados ao TDT.

Afortunadamente a culminación do paso definitivo á televisión dixital terrestre coincide tamén cunhas minorías lectoras, progresistas; que amosan en sociedade todo seu potencial de empatía, dialogantes, solidarias, leais, críticas, pensadoras, camufladas entre a totalidade consumista e subxugada, minorías agochadas como necesarias burbullas de osíxeno e necesarias tamén para saber que pode ser que un lento proceso de transformación do mundo se estea a levar a cabo. O demais, escaparate para quen o queira contemplar.



06/04/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad