TRIBUNA ABIERTA
OLLO DE VIDRO| Jorge Emilio Bóveda |

O menor espectáculo do mundo

Seica un fato de asasinos europeos dos comezos do século XX, e dos que non darei nomes, inspiraron os xeitos refinados e exquisitos do conde Drácula literario e cinematográfico, acadando estes mais sona social que o mais abnegado dos artistas da época. Seica un tarado asasino de apelido Gein inspirou o personaxe literario da mediocre novela Psycho (Psicose), cuxos dereitos mercaría Hitchcock, desencadeando outro rosario de filmes de xénero. Unha panda de matachíns criminais, chamados eufemisticamente clan Manson, baixo o auspicio dun tolo, alimentaron a iconografía cinematográfica americana durante décadas e décadas, como na Galicia o fixo o hábil monstro do crime, Blanco Romasanta...

E a que ven este preámbulo criminal literario cinematográfico? Pois ven a conto porque cando son empregados eses elementos como obxecto de temática mais ou menos artística estase a cometer unha ciclópea inxustiza porque se perpetúan as andaina duns personaxes (reais) que o que merecerían non seria outra cousa que o mesmo esquecemento das súas vítimas; un ostracismo mediático, a absoluta indiferenza, o anonimato no cumprimento das penas que merecen. Non falar deles ren, salvo para non perder a perspectiva de súas enormes culpas (O asasino de John Lennon quería fama e notoriedade, e xa non digamos un atracador de bancos español detido hai relativamente pouco).

Estas entidades do crime merecen o contrario do que testemuñei nestes días, cando vin que á nena criminal que matou outra nena se lle dedican tres enormes páxinas nun suplemento dominical, ou cando vexo que o asasino e violador dunha rapaza deficiente mental é mencionado ate o fastío en varios programas televisivos. Ou cando comprobo e recomprobo que se fala mais da adolescente rede criminal que acabou coa vida da rapaciña de Sevilla cuxo corpo non apareceu que do gravame das consecuencias de actos tan deostables. No canto de informar, condenar, tomar perspectiva, xulgar e esquecer aos criminais, seguimos a nos dar ao morboso e inxusto espectáculo do circo. Noxo e repulsión son as palabras. Condenar primeiro a estes elementos e logo mandalos ao ostracismo non seria un bo camiño para comezar a saírmos da estulticia e da mediocridade nos medios? Ou realmente somos tan morbosos?.



13/04/10

No hay comentarios
©Galicia en PáXinas S.L.
 | gpx.es | noticiasgalicia.com | ViajarGalicia.com | parquenaturalislasatlanticas.com | vinosgallegos.net | golfgalicia.net |
| directoriowebsgallegas.com | pueblosdegalicia.com | confidencialgalicia.com |
Todos los derechos reservados
.-E-mail: noticiasgalicia@gpx.es Optimizada para 800 x 600 píxels.
Aviso legal  | Departamento Publicidad